A Deputación programa a próxima semana tres espectáculos de teatro e danza en Salceda de Caselas, Soutomaior e Tui enmarcados no circuíto +Escénicas
“Voo”, de Teatro O Cubo, representarase o martes 6 en Tui; “Vicki e a felicidade”, de Bandullo Azul, o venres 9 en Salceda de Caselas, e “Mariñeiras”, da Cova das Letras, o domingo 11 en Soutomaior
03/10/2026
A Deputación de Pontevedra programa a próxima semana, do 5 ao 11 de outubro, un total de tres actuacións que forman parte do circuíto +Escénicas, co que a institución provincial apoia a programación de teatro e danza nos concellos de menos de 20.000 habitantes. Os espectáculos da semana terán lugar este martes 6 de outubro en Tui, o venres 9 en Salceda de Caselas, e rematarán o domingo 11 en Soutomaior.
A programación semanal de +Escénicas comeza o martes ás 11:00 horas no Teatro municipal de Tui da man da compañía Teatro O Cubo e o seu espectáculo de danza “Voo”. A función parte da ilusión das persoas por poder voar e nela dúas personaxes movidas pola curiosidade buscan a fórmula para alcanzar o ceo. Trátase dunha metáfora visual inspirada por un imaxinario común e revelador que emprega o teatro físico, a música, os obxectos, o humor e a danza como motor para alcanzar os soños, e está pensada para público familiar a partir dos 3 anos.
O calendario continúa o venres ás 18:00 horas en Salceda de Caselas, en cuxo Auditorio municipal terá lugar a representación de “Vicki e a felicidade”, da compañía Bandullo Azul. Vicki é un neno ao que lle encanta bailar e cantar e vive nunha aldea onde as persoas están sempre de mal humor. Tras falar coa súa avoa, un día viaxa na procura do segredo da felicidade para devolverlle a alegría á xente da aldea, e no transcurso coñecerá personaxes curiosas e fará que a súa vida e a dos seus veciños mude para sempre. Esta viaxe iniciática dun neno que descubre o mundo e as emocións que habitan nel está chea de humor, maxia e música, e transmitirá a importancia da empatía, a igualdade e os coidados.
Por último, o Multiúsos de Arcade, en Soutomaior, acollerá o domingo ás 17:30 horas “Mariñeiras”, da Cova das Letras. Trátase dun espectáculo teatral con acompañamento musical en directo que introduce referencias a pezas tradicionais da nosa costa. A obra está protagonizada polas dúas metades de Mariña, que soña con ser patroa e durante sete días se dedicará a superar as probas para acadalo. A obra, interactiva e en clave de humor, versa sobre a aprendizaxe do oficio do mar e sobre a vida mariñeira.
Co circuíto +Escénicas, a Deputación dá resposta a unha demanda que o sector profesional levaba facendo desde fai preto de 20 anos. Tralo éxito da primeira e da segunda edición, a institución provincial volve programar un novo ciclo desta iniciativa, que medrou o seu orzamento nun 36% desde a súa posta en marcha ata situarse na actualidade en 204.000 euros. Cada concello puido solicitar ata cinco actuacións de teatro e danza entre as dispoñibles no catálogo de +Escénicas, que inclúe máis de 600 propostas, en réxime de cofinanciamento: a Deputación asume o 90% nos concellos de menos de 5.000 habitantes, o 80% nos concellos de entre 5.000 e 10.000, e o 70% nos de entre 10.000 e 20.000 habitantes. As funcións terán lugar ata o 31 de marzo de 2027.