A Deputación leva este venres a obra Meco e Sono de Xarope Tulú a Moaña dentro do ciclo +Escénicas
10/06/2026
A Deputación de Pontevedra leva este venres 12 de xuño a Moaña a nova edición do circuíto +Escénicas, unha iniciativa da institución provincial que apoia a programación de teatro e danza nos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia. Nesta ocasión, trátase do espectáculo “Meco e Sono”, que se representará a partir das 18:30 horas no Arboredo da Xunqueira.
“Meco e sono” é un espectáculo de narración oral, teatro de bonecos e creación sonora en directo para o que Xarope Tulú se une á dramaturxia, música e voz en directo da escritora e xornalista radiofónica Xiana Arias. O resultado é unha proposta sensorial para os nenos e nenas de menos de 3 anos que favorece a vivencia positiva do galego. As familias e as crianzas poderán escoitar e aprender cancións de arrolo en galego, normalizando así o uso da lingua no ámbito familiar e en situacións tan cotiás como o momento de ir durmir.
Co circuíto +Escénicas, a Deputación dá resposta a unha demanda que o sector profesional levaba facendo desde fai máis de 15 anos. Tralo éxito da primeira e da segunda edición, a institución provincial volve programar un novo ciclo desta iniciativa, que medrou o seu orzamento nun 36% desde a súa posta en marcha, contando nesta anualidade con 204.000 euros. Cada concello puido solicitar ata cinco actuacións de teatro e danza entre as dispoñibles no catálogo de +Escénicas, que inclúe máis de 600 propostas, en réxime de cofinanciamento: a Deputación asume o 90% nos concellos de menos de 5.000 habitantes, o 80% nos concellos de entre 5.000 e 10.000, e o 70% nos de entre 10.000 e 20.000 habitantes. As funcións terán lugar ata o 31 de marzo de 2027.