A Deputación esgota as entradas para as visitas teatralizadas de Samaín nos castelos de Soutomaior e Sobroso

As actividades, pensadas para todos os públicos, comezarán o 11 de outubro e poderán desfrutar delas un total de 470 persoas en 26 pases que se celebrarán ata o 1 de novembro

28/09/2026

A Deputación de Pontevedra esgotou en pouco máis dunha hora as entradas para desfrutar das visitas teatralizadas de Samaín que se desenvolverán nos castelos de Soutomaior e Sobroso entre o 11 de outubro e o 1 de novembro. As actividades, pensadas para todos os públicos e producidas por EscénaTe, amosarán a historia dos castelos, as súas lendas e as personaxes que habitaron neles co obxectivo de seguir poñendo en valor o carácter histórico e patrimonial destes elementos singulares da provincia.

En total, 470 persoas poderán desfrutar das actividades en 26 quendas diferentes (cun aforo de 15 persoas por pase no caso de Sobroso e de 20 en Soutomaior). En concreto, no Castelo Sobroso celebraranse os días 17 e 18 de outubro, cun pase diario ás 16:30 horas, e os días 24, 25 e 31 de outubro e 1 de novembro, con dous pases diarios, ás 11:30 e ás 16:30 horas. Neste caso, as visitas están ambientadas na Idade Media durante o cerco sufrido pola raíña Dona Urraca. En “Os sinais de Sobroso”, o público integrarase na ficción como parte da poboación refuxiada na fortaleza e percorrerá os seus espazos descubrindo, a través da acción, como funcionaban os seus elementos e a súa relación co territorio. A experiencia combinará divulgación histórica, interpretación do patrimonio, intriga, humor e elementos da tradición galega vinculados ao Samaín e á Noite de Defuntos, nunha historia que irá facendo convivir progresivamente a realidade histórica de Sobroso coas súas lendas e coa súa memoria popular.

Pola súa banda, no Castelo de Soutomaior as visitas terán lugar os días 11, 12, 17, 18, 24, 25 e 31 de outubro e 1 de novembro, con dous pases diarios, ás 12:00 e ás 16:30 horas. Aquí “As voces de Soutomaior” é unha proposta que convida o público a percorrer os seus espazos a través das distintas épocas e personaxes que deixaron pegada na súa historia. Pedro Madruga e a memoria da revolta Irmandiña, o marqués de la Vega de Armijo e o ambiente social e político do século XIX, así como María Vinyals permiten descubrir a transformación do castelo en residencia, lugar de cultura e espazo aberto a novas ideas. Con humor, interacción coas e cos visitantes, elementos de lenda e momentos de emoción, a actividades converte murallas, salóns e xardíns nun escenario vivo e presente.