A Deputación aproba preto de 25.000 € para acondicionar o club de piragüismo de Catoira

Trátanse de recursos do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, que na súa terceira edición destina ao concello preto de 96.000 euros

10/06/2026

A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar unha axuda por valor de preto de 25.000 euros para que o Concello de Catoira acondicione o club de piragüismo. Trátanse de recursos que proveñen do III Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, dotado de 8 millóns para que os municipios de menos de 50.000 habitantes da provincia poidan subvencionar proxectos de construción de novas instalacións e espazos públicos de uso deportivo, así como para a modernización, remodelación e mellora de instalacións xa existentes.

Con estes recursos da Deputación de Pontevedra vanse acometer obras de reforma e mantemento no edificio do club de piragüismo de Catoira. Deste xeito, melloraranse os vestiarios, con novos pavimentos. Sanearanse teitos no módulo abovedado e panos de vidros rotos no módulo do ximnasio, que tamén será pintado. Completarase a actuación coa impermeabilización do porche de acceso, co pintado de paramentos exteriores, coa substitución dun motor do portal posterior, coa colocación dun punto de luz no exterior e dotarase ao recinto de novo equipamento deportivo.

O Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas destina nesta terceira edición ao Concello de Catoira preto de 96.000 euros. Deste xeito, ademais dos 25.000 euros aprobados esta semana, a vila ten á súa disposición outros preto de 49.000 euros para acondicionar o pavillón municipal e outros preto de 22.000 euros para mellorar os vestiarios do campo de fútbol municipal.