A Deputación inicia esta fin de semana en Pontevedra e Barro os percorridos da nova edición do programa provincial +Bosques
As contornas do Pazo de Lourizán e da fervenza da Barosa acollen as primeiras actividades de contacto directo coa natureza a través da modalidade de baños de bosque
03/06/2026
A Deputación de Pontevedra comeza esta fin de semana os percorridos da nova edición do programa +Bosques, unha iniciativa que promove o contacto directo coa natureza e permitirá ás persoas participantes gozar das vantaxes dos baños de bosques. As actividades comezan na contorna do Pazo de Lourizán (Pontevedra) e da Barosa (Barro), ata onde se desprazarán un total de 60 persoas en catro quendas, a razón de 15 cada unha, con saídas ás 10:00 e ás 10:30 horas.
Este sábado o programa estrearase no Parque da Natureza do Río Barosa, en Barro, unha zona de especial beleza onde destaca o seu conxunto de 17 muíños de auga e onde os asistentes percorrerán a zona superior e a chaira anterior á popular fervenza. Pola súa banda, o domingo será a quenda dos grupos que visitarán o Pazo de Lourizán, un espazo que destaca polo seu xardín botánico “Arboretum”, creado en 1949 cunha finalidade investigadora, didáctica e recreativa.
Nesta edición de +Bosques, o programa chegará a un total de sete espazos da costa e o interior da provincia e permitirán coñecer a variedade de ecosistemas ricos en biodiversidade de Pontevedra. Todas as rutas proporcionarán ás persoas participantes unha experiencia de conexión directa en e coa natureza. Promoverase a estimulación sensorial con exercicios físicos e psicolóxicos para comprender, entender e fortalecer os lazos co medio natural da provincia.
Os percorridos continuarán este mes o día 13 no río Lérez (Pontevedra), os días 14 e 27 nas fervenzas de Parafita e Raxoi (Valga), o día 20 en Carboeiro (Silleda), o 21 en Maneses (O Campo Lameiro) e o día 28 na Illa de Tambo (Poio). O resto de datas (xullo, agosto a setembro) poden consultarse no sitio web institucional. As inscricións abren mes a mes, sendo o 23 de xuño a data escollida para a inscrición nas actividades de xullo, ás 9:00 horas.
