A Deputación de Pontevedra garante ao Concello de Vigo que reservará 5 millóns de euros no orzamento provincial de 2027 para novos investimentos na cidade
Luisa Sánchez traslada por carta a Abel Caballero o compromiso existente para que o goberno local poida incluír esa contía no próximo presuposto municipal
01/09/2026
A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, vén de remitir unha carta ao alcalde de Vigo, Abel Caballero, para deixar constancia oficial e por escrito do compromiso da institución provincial de reservar 5 millóns de euros nos seus orzamentos de 2027 para novos convenios co Concello de Vigo.
Nesa misiva, a representante provincial na cidade olívica garantiu ao rexedor local que pode incorporar estes fondos ás súas contas para o próximo exercicio, coa seguridade de que a Deputación disporá de esa partida para financiar novas actuacións na cidade. “O compromiso da Deputación está aí e está garantido. O que precisamos agora é que o Concello concrete en que quere investir eses cartos”, sinalou.
Neste sentido, a vicepresidenta chama a atención sobre o feito de que o Concello de Vigo non trasladou ata o momento ningunha proposta concreta de investimento para 2027. Luisa Sánchez salientou igualmente que esa contía de 5 millóns anuais é a mesma que o propio alcalde, en marzo de 2024, reclamou publicamente para o actual mandato.
A responsable provincial lembra, ademais, que existen 5 millóns de euros reservados pola Deputación para Vigo no exercicio 2026 que continúan pendentes de investimento: 1,7 millóns para a humanización da rúa Rosalía de Castro, 2,1 millóns para a rúa Doutor Carracido e outros 1,2 millóns de euros aínda sen destino concreto por parte do Concello.
A este respecto, considera que ambas administracións deben avanzar nos acordos pendentes. “Se hai recursos para Vigo, o que toca é poñerse de acordo e convertelos en melloras para a cidade. Un investimento provincial nun municipio non pertence a ningún partido; só obedece a unha relación normal entre institucións”, defende Luisa Sánchez.
