Luis López subliña que as prácticas no estranxeiro para estudantes de FP están a ter un gran impacto na formación da mocidade e na competitividade da provincia

O presidente provincial participa na entrega de diplomas aos 51 beneficiarios da presente edición dun programa que xa ten en marcha a sexta convocatoria e do que se beneficiarán preto de 600 alumnos e docentes de institutos de Formación Profesional

29/09/2026

Luis López subliña que as prácticas no estranxeiro para estudantes de FP están a ter un gran impacto na formación da mocidade e na competitividade da provincia

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, destaca os beneficios que o proxecto Erasmus +, unha iniciativa da administración provincial para ofrecer prácticas laborais en países da Unión Europea a estudantes e docentes de Formación Profesional, está a proporcionar ao alumnado, aos centros educativos e os docentes e ao conxunto da provincia. Fíxoo nun encontro celebrado no salón de plenos do Pazo provincial no que se deron cita o medio centenar de estudantes beneficiarios deste programa que vai xa pola súa quinta edición e que este ano dispón dun orzamento de 900.000 euros. “O proxecto Erasmus + é moito máis ca unha estancia no estranxeiro, é un proxecto co que todos saímos gañando: o alumnado, os centros de formación e toda a provincia”, declarou o presidente para darlle á benvida aos asistentes a un encontro que sirve como peche a unha quinta convocatoria que, malia non ter rematado, terá continuidade cunha sexta edición.

Na “casa de todas e todos os pontevedreses” reuníronse este martes máis de medio centenar de mozas e mozos que estudan en 43 centros de Formación Profesional da provincia correspondentes a 24 concellos da provincia. Despois da benvida por parte do presidente Luis López, cada un dos beneficiarios subiu ao escenario para recoller o seu diploma. A continuación, a técnica de Formación do servizo de promoción de Emprego da Deputación fixo un balance da pegada deste proxecto e, acto seguido, tivo lugar un coloquio cunha coordinadora do proxecto no IES Ribeira de Louro do Porriño e un alumno participante no programa do IES de Rodeira de Cangas. Do informe presentado, sobresae que nas cinco edicións postas en marcha tomaron parte deste proxecto un total de 449 alumnos e docentes, mentres que ao ter en conta a previsión para a presente e vindeira convocatoria a cifra increméntase ata os 578 beneficiarios. Na presente edición, as mobilidades realizáronse en países da Unión Europea como Alemaña, Francia, Italia, Irlanda, Malta, Finlandia, Irlanda, Croacia, Bélxica ou República Checa.

“Desde xaneiro de 2026 ata hoxe, fixemos posible 30 mobilidades e xa están pechadas, ata abril do 2027, outras 21 mobilidades. Un total de 51 experiencias laborais de estudantes e docentes de Formación Profesional de 43 institutos da provincia en distintos países da Unión Europea nas que a Deputación leva mobilizados máis de 900.000 euros. Un éxito absoluto que desde a Deputación seguiremos impulsando, porque nesta casa: o que funciona, se reforza”, declarou o mandatario provincial sobre un programa que conta cun apoio de 700.000 euros de fondos europeos, mentres que os 200.000 restantes son recursos do ente provincial.

O compromiso da Deputación co emprego e a mocidade non se limita unicamente a este proxecto Erasmus +, hai unha semana a Xunta de Goberno aprobou unha nova convocatoria do programa +Emprega nos Concellos, dotado con 2,2 millóns de euros, para facilitar a incorporación ao mercado laboral de 129 persoas.

Galerias de imaxes

audios