Luis López sinala a mellora de Cabreira, en Salvaterra de Miño, como “fantástico exemplo” do poder transformador do Plan Extra da Deputación

A actuación, financiada integramente pola Deputación cunha inxección de 550.000 €, permitiu crear unha plataforma única, ampliar o espazo reservado ao tránsito peonil, renovar as instalacións dos servizos e incorporar novo mobiliario urbano

13/08/2026

Luis López sinala a mellora de Cabreira, en Salvaterra de Miño, como “fantástico exemplo” do poder transformador do Plan Extra da Deputación

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, participou este xoves en Salvaterra de Miño na inauguración da mellora do núcleo de Cabreira, unha actuación co obxectivo de gañar espazo para o tránsito peonil, mellorar a accesibilidade e facer da zona un lugar máis amable e seguro para os veciños. Trátase dun proxecto enmarcado no primeiro Plan Provincia Extraordinaria – Plan Extra, un programa que repartiu 38 millóns de euros entre os 59 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia. Acompañado pola alcaldesa de Salvaterra de Miño, Marta Valcárcel, o presidente sinalou que “esta actuación é un fantástico exemplo do poder transformador do Plan Extra da Deputación, un proxecto que naceu dunha necesidade concreta da veciñanza e hoxe se converte nun novo espazo para desfrutar, e á vista está, porque é un resultado imposible de eclipsar”.

Luis López asegurou que “como presidente da Deputación poucas cousas me gustan máis que percorrer os concellos da provincia, coñecer de primeira man os proxectos que estamos a impulsar xunto aos gobernos locais e, sobre todo, comprobar como os investimentos das administracións se traducen en melloras reais para as persoas”. Respecto ao proxecto de Salvaterra de Miño, cunha inxección de 550.000 euros de fondos provinciais, Luis López sinalou que “non inauguramos simplemente unha obra nunha rúa, senón a transformación dun espazo que agora está pensado, en maior medida, para as persoas”.

A actuación de humanización de Cabreira permitiu crear unha plataforma única, ampliar de maneira moi importante o espazo destinado aos peóns e acadar anchos de paso de ata 2,5 metros, facilitando así a mobilidade e a accesibilidade. Tamén se renovaron as redes de saneamento e abastecemento, soterráronse as as liñas de telecomunicación e baixa tensión, instaláronse novas canalizacións de alumeado e substituíronse as antigas luminarias por tecnoloxía LED, mellorando tamén a súa eficiencia enerxética. Ademais, incorporouse mobiliario urbano, con bancos e xardineiras e nova sinalización para completar a transformación deste espazo.

“Todo isto foi posible grazas á colaboración entre a Deputación e o Concello de Salvaterra de Miño”, asegurou o presidente da Deputación, que agradeceu a alcaldesa “polo bo traballo e o bo clima de colaboración”. A actuación está integramente financiada pola Deputación a través do Plan Extra e do Plan +Provincia, “achegamos o 100% dos fondos necesarios para facer realidade unha actuación que hoxe queda ao servizo da veciñanza de Cabreira e de todo Salvaterra”, sinalou o presidente provincial.

Luis López lembrou que “a nosa colaboración con Salvaterra de Miño non comeza nin remata aquí”, e deu conta dos máis de 6,5 millóns de euros mobilizados en diferentes investimentos e programas de cooperación neste concello, con novos proxectos en marcha como “a humanización do contorna da capela de San Roque no núcleo de Leirado, a mellora do acceso ao polígono industrial de Chan da Ponte polo Casal ou diferentes actuacións nas instalacións deportivas e nos servizos municipais”. Isto demostra, asegurou o presidente, “que cando hai vontade de colaborar e hai proxectos a Deputación está aí”, e puxo en valor como as políticas de cooperación provincial poñen recursos á disposición dos concellos “para que poidan facer realidade proxectos que, moitas veces, serían máis difíciles de abordar unicamente cos seus medios”.

Galerias de imaxes