Luis López convida a seguir o España-Bélxica nos cuartos de final do Mundial nas pantallas xigantes instaladas pola Deputación en Pontevedra e Vigo

As pantallas estarán localizadas diante do Pazo provincial e na Praza da Estrela de Vigo, repetindo a experiencia da Eurocopa de 2024 e do pasado luns nos oitavos de final

10/07/2026

Luis López convida a seguir o España-Bélxica nos cuartos de final do Mundial nas pantallas xigantes instaladas pola Deputación en Pontevedra e Vigo

Despois da vitoria da Selección española este luns fronte á de Portugal nos oitavos de final do Mundial de Fútbol, a Deputación de Pontevedra volverá instalar unha pantalla xigante este venres para poder seguir o partido desde o exterior do Pazo provincial, á que se suma tamén a pantalla que se instalará na Praza da Estrela de Vigo. O presidente Luis López convidou a cidadanía a achegarse a “vivir a emoción do Mundial” no encontro, que se celebrará a partir das 21:00 horas.

O presidente da Deputación asegurou que “despois da experiencia da final da Eurocopa de 2024 e a deste luns, na que a explanada de Montero Ríos estivo totalmente abarrotada de afeccionados e seareiros apoiando a España, seguiremos repetindo esta experiencia para acompañar a nosa selección durante todo o seu percorrido polo Mundial”.

O presidente provincial desexou que, xa que “o gol de Borja Iglesias non puido darse en oitavos, a ver se con sorte nos dá o pase a semifinais”.