Luis López presenta unha novidosa liña de axudas dotada con 120.000€ coa que a Deputación colaborará con colectivos de cazadores na protección do medio forestal
O presidente provincial, acompañado polo deputado de Medio Ambiente, Marcos Guisasola, detalla os obxectivos dun programa que repartirá ata 3.000€ a cada beneficiario para promover a limpeza dos montesa mellora dos hábitats ou a compra de materiais
17/03/2026
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, vén de presentar este martes a primeira liña de axudas do organismo provincial para a protección do medio natural e forestal dotada con 120.000 euros. No salón de plenos do Pazo provincial, diante de preto de medio centenar de representantes de colectivos cinexéticos da provincia, o presidente detallou o contido desta novidosa iniciativa da que se poden beneficiar, cun máximo de 3.000 euros, sociedades de caza e asociacións de cazadores da provincia. “Hai xente que ve o rural como unha postal e aos cazadores como uns seres estraños. Na Deputacion, non. Para nós sodes un colectivo clave para o mantemento do medio natural e decisivos e fundamentais nas acción que axudan a evitar incendios e moitas outras incidencias que afectan aos nosos montes”, afirmou o mandatario provincial nun encontro no que tamén participou o deputado de Medio Ambiente, Marcos Guisasola.
Esta primeira liña aprobada pola Deputación para a protección e mantemento do medio natural ten como obxectivo promover actuacións relacionadas coa mellora de hábitats (rozas, sementeiras ou podas), a adaptación das especies ao medio, por exemplo a través da instalación de biótopos; para a compra de material como sementes ou tamén afrontar o mantemento dos Terreos Cinexeticamente Ordenados (TECOR). A axuda máxima que poderá obter cada beneficiario é de 3.000 euros, sen exceder en ningún caso o 80% do orzamento. “Desde hoxe podedes solicitar a primeira liña de axudas para sociedades de caza, tedes vinte días hábiles para facelo”, animou o presidente á participación.
Neste sentido, o presidente Luis López lembrou o compromiso da Deputación cun colectivo fundamental no mantemento e coidado do medio forestal. Un labor recoñecida desde o goberno provincial a través de numerosos encontros de traballo e liñas de colaboración, como as establecidas para organizar competicións deportivas relacionadas coa caza en distintos concellos da provincia. “Cando chegamos á Deputación hai dous anos e medio queríamos escoitar o sentir do sector”, sinalou o dirixente provincial para contextualizar o xerme desta novidosa liña de colaboración e recalcar que “ese diálogo que terá continuidade”. Un compromiso no que afondou o deputado de Medio Ambiente Marcos Guisasola ao sinalar que “a nosa intención sempre foi colaborar con vós para seguir mantendo este monte tan fermoso no que realizades un labor imprescindible. O 80 % do territorio de Galicia é cinexético, polo que debemos ter un hábitat en condicións e para iso son estas axudas”, argumentou o deputado.
