Luisa Sánchez participa en Vigo na cerimonia de saída da 59ª edición do Rally Recalvi Rías Baixas
02/07/2026
A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra e deputada de Deportes, Luisa Sánchez, asistiu á cerimonia de saída da 59ª edición do Rally Recalvi Rías Baixas, celebrada na rúa Policarpo Sanz de Vigo. Comeza así unha das probas automobilísticas máis emblemáticas de Galicia e puntuable para o Supercampionato de España de Rallyes. A competición, que se desenvolverá entre os días 2 e 4 de xullo, reúne case un cento de equipos e volve converter a provincia no epicentro do motor nacional. A vicepresidenta puxo de manifesto o compromiso da Deputación co motor, dado que a institución provincial apoia economicamente a organización do Rally Recalvi Rías Baixas e impulsa o automobilismo a través do patrocinio de diferentes eventos e de iniciativas como o programa +Talento Motor.
