A Deputación destaca a elección da exposición dixital ‘Castelao. A derradeira leición do mestre’ do Museo de Pontevedra como finalista dos Premios Paraugas
O proxecto é finalista na categoría ‘Mellor deseño dixital’ nestes premios que recoñecen os mellores traballos no ámbito da comunicación e do márketing en Galicia
08/11/2026
A exposición dixital ‘Castelao. A derradeira leición do mestre’, promovida pola Deputación para o Museo de Pontevedra, é finalista no apartado de ‘Mellor deseño dixital’ nos Premios Paraugas, uns galardóns que recoñecen os mellores traballos do ano no ámbito da comunicación e do márketing en Galicia. Os gañadores daranse a coñecer nunha gala que se celebrará o próximo 13 de novembro en Ferrol.
O vicepresidente da Deputación e responsable do Museo de Pontevedra, Rafa Domínguez, amosou a súa satisfacción por esta nominación, que considera “un recoñecemento ao traballo realizado para que unha exposición tan importante como a de Castelao poida seguir estando ao alcance do público, mesmo despois de pechar as súas portas”. Domínguez destacou que a versión dixital permite prolongar a vida dunha mostra que tivo unha gran resposta por parte da cidadanía e que foi especialmente significativa para o Museo.
“Queriamos que todo o que se viviu arredor desta exposición non quedase só nos meses que estivo aberta. A versión dixital permite volver visitar a sala, acceder ás conferencias e coñecer detalles que quizais pasaron desapercibidos na visita presencial”, explicou. Para Domínguez, esta candidatura é unha boa noticia para o Museo e tamén para todas as persoas que participaron na organización e no desenvolvemento do proxecto.
‘Castelao. A derradeira leición do mestre’ é a versión dixital e expandida da mostra que do 25 de xuño ao 27 de setembro exhibiu no Museo de Pontevedra o icónico cadro que Castelao pintou en 1945. Foi desenvolvida pola axencia Orestes Comunica e está dispoñible na web museo.depo.gal, onde as persoas usuarias poden percorrer a sala tal como estivo durante os meses que a mostra permaneceu aberta. A iso engádense as explicacións do xornalista Arturo Lezcano como guía virtual e a integración de varios vídeos nos que persoas expertas analizan diferentes aspectos e se recuperan momentos especialmente significativos da exposición.
A exposición dixital permítenos percorrer a sala a través de 47 puntos navegables nos que se despregan 30 puntos interactivos: cartelas e imaxes das pezas e obras expostas e vídeos integrados na propia navegación. Aí están as conferencias íntegras impartidas por Ángeles Tilve, Ramón Villares, Henrique Monteagudo e Manuel Gago, así como vídeos breves de carácter divulgativo nos que interveñen Tilve, Villares, Monteagudo, os representantes do Centro Galicia de Buenos Aires ou Miguel Anxo Seixas. Tamén se recollen momentos destacados dos tres meses de exposición, como a saída do cadro de Bos Aires, a chegada a Pontevedra ou a celebración do 17 de agosto, Día da Galiza Mártir, co depósito por parte de Amalia Bóveda das cascas do piñeiro fronte ao que o seu pai foi fusilado. Completan os contidos outros vídeos coas impresións do público, dos escolares galegos, do vicepresidente da Deputación, Rafa Domínguez, e da comunidade galega en Arxentina.
Outro elemento que lle confirme un carácter diferencial con respecto da exposición física é o acompañamento como guía virtual do xornalista Arturo Lezcano. Gran coñecedor da historia e das historias da comunidade galega en América, é autor do libro ‘O país invisible. A epopea atlántica da diáspora galega’. As súas explicacións achegan un punto de vista complementario, no que sitúa ‘A derradeira leición do mestre’ no contexto da súa creación por parte de Castelao en Bos Aires en 1945.
‘Castelao. A derradeira leición do mestre’ estivo aberta no Museo de Pontevedra do 25 de xuño ao 27 de setembro. En tres meses visitárona 26.376 persoas, converténdoa nunha mostra histórica para o Museo, tanto pola relevancia de acoller esta obra icónica de Castelao como polo enorme impacto que tivo no público asistente. Todo o protagonismo da exposición recaeu no cadro que Castelao pintou para o Centro Orensano de Buenos Aires no ano 1945 e que estaba en Galicia por segunda vez, a primeira que chegaba a Pontevedra.
Desde 1979 o cadro pertence á colección do Centro Galicia de Buenos Aires, herdeiro das asociacións da emigración galega na Arxentina, que o cedeu temporalmente para esta exposición e onde agora regresou. A mostra coincidiu coa conmemoración do plebiscito do Estatuto de autonomía de Galicia de 1936, do 90 aniversario do inicio da Guerra Civil e do asasinato de Bóveda, o que reforzou o valor histórico e simbólico da exposición.
