A Deputación promove un obradoiro no Museo de Pontevedra para indagar sobre se as emocións da arte son universais

Terá lugar na tarde do xoves 11 de xuño e está aberto a persoas adultas e menores a partir de 16 anos

03/06/2026

A Deputación promove un obradoiro no Museo de Pontevedra para indagar sobre se as emocións da arte son universais

A Deputación organiza no Museo de Pontevedra, en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela, o obradoiro de ciencia cidadá “Subtitulado emocional: son as emocións da arte aínda universais?”. Terá lugar o xoves 11 de xuño de 16:00 a 20:00 h no Edificio Castelao, aberto a calquera persoa maior de idade ou menor a partir de 16 anos. Para participar é necesario inscribirse a través do correo electrónico reservas.museo@depo.gal.

Este obradoiro forma parte dun proxecto de ciencia cidadá que explora se as emocións presentes nas obras de arte históricas seguen sendo comprensibles hoxe en día. Non é un achegamento a través de persoas expertas, senón curiosas que queiran axudar a descifrar a "alma" das obras do Museo de Pontevedra. O obradoiro forma parte de AntCom – From Antiquity to Community, un proxecto financiado pola Unión Europea no marco da acción de Rede Doutoral Marie Skłodowska-Curie.

A actividade consistirá nun percorrido participativo deseñado para observar, reflexionar e crear en común. Primeiro farase unha breve introdución sobre como a arte utiliza xestos, cores e composición para transmitir emocións. A continuación farase un percorrido por unha selección de obras do museo para deixarse levar polas sensacións e tomar notas persoais, para que despois os participantes poñan en común esas percepcións: que sentimos?, coincidimos?, que cambia segundo cada persoa?.

Logo dunha pausa para o café, as persoas participantes coñecerán como se elaboran os textos interpretativos no ámbito dos museos, co acompañamento e a orientación de profesionais do Museo de Pontevedra. O obradoiro rematará redactando conxuntamente novas "etiquetas emocionais" centradas na experiencia e a emoción.