A Deputación leva este mércores á Caniza o programa provincial +Música cunha actuación de Lucía Pérez que marca o inicio da Festa-Feira do Xamón

O concerto da cantante lucense terá lugar este o 12 de agosto ás 22:30 horas na praza Maior no marco deste programa provincial que, dotado con 700.000 euros, colabora cos concellos na súa programación cultural e no fomento da lingua e cultura galegas

10/08/2026

A Deputación leva este mércores á Caniza o programa provincial +Música cunha actuación de Lucía Pérez que marca o inicio da Festa-Feira do Xamón

A Deputación de Pontevedra leva este mércores 12 de agosto á Caniza un concerto de Lucía Pérez enmarcado na nova edición de +Música, o programa provincial que colabora cos concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia para apoiar a súa programación cultural e difundir e fomentar a lingua e a cultura galegas. A actuación terá lugar na Praza Maior ás 22:30 horas no marco da programación musical da 60ª edición da Festa-Feira do Xamón da Caniza.

A cantante lucense Lucía Pérez está a realizar unha xira na que celebra o seu vixésimo aniversario sobre os escenarios. Este espectáculo está pensado para estimular todos os sentidos, combinando música, luz, danza e emocións nunha experiencia única. Na xira 2026, Lucía presenta unha proposta innovadora con novos ritmos e melodías que se traducen en cancións vitalistas. O concerto inclúe tamén un repaso aos éxitos dos seus sete discos editados, xunto a cancións populares do folclore galego.

O concerto de Lucía Pérez é unha das 93 actuacións de +Música que se celebrarán entre os meses de maio e decembro en 58 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia. Este programa ten un orzamento de 700.000 euros, cos que o organismo provincial aboa os custos de caché dos espectáculos e impulsa a reputación de Pontevedra como un destino cultural de primeiro nivel. A través de +Música, a Deputación aposta pola descentralización da cultura e a programación de actos culturais de calidade por toda a xeografía provincial.