A Deputación leva este venres 14 de agosto ata Caldas de Reis un concerto de Treixadura no marco do programa provincial +Música
O espectáculo terá lugar ás 21:00 horas no escenario acuático do Umia ao abeiro de +Música, o programa provincial dotado con 700.000 euros para colaborar cos concellos na súa programación cultural e difundir e fomentar a lingua e cultura galegas
11/08/2026
A Deputación de Pontevedra leva este venres 14 de agosto ata Caldas de Reis un concerto de Treixadura enmarcado na nova edición de +Música, o programa provincial para apoiar a programación cultural nos concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia e difundir e fomentar a lingua e a cultura galegas. O concerto terá lugar a partir das 21:00 horas no escenario acuático do Umia.
Treixadura presenta “Portalén” o seu novo traballo discográfico, un espectáculo único que combina o canto e a gaita, elevando a música tradicional ao máis alto nivel artístico. Fieis á súa esencia, teñen rescatado melodías do anonimato, creando novas composicións e compartindo a forza evocadora do canto colectivo. En Baiona ofrecerán unha experiencia emocionante que converte o público no protagonista do concerto.
Este espectáculo é unha das 93 actuacións financiadas con cargo ao +Música, que se están a celebrar entre os meses de maio e decembro en 58 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia. O programa ten un orzamento de 700.000 euros, cos que o organismo provincial aboa os custos de caché dos espectáculos e impulsa a reputación de Pontevedra como un destino cultural de primeiro nivel. A través de +Música, a Deputación aposta pola descentralización da cultura e pola programación de actos culturais de calidade por toda a xeografía provincial.
