A Deputación leva ata Rodeiro este sábado un concerto de Vanesa Muela e A Banda Traka e outro de Comando Curuxás no marco do programa provincial +Música
As actuacións terán lugar no Parque do Lago o 5 de setembro con Vanesa Muela e A Banda Traka ás 19:30 horas e Comando Curuxás ás 21:00 horas
01/09/2026
A Deputación de Pontevedra leva este sábado 5 de setembro ata Rodeiro dous concertos enmarcados en +Música, o programa provincial para apoiar a programación cultural nos concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia e difundir e fomentar a lingua e a cultura galegas. Trátanse de Vanesa Muela e A Banda Traka e Comando Curuxás que se poderán escoitar, respectivamente, ás 19:30 e 21:00 horas no Parque do Lago da localidade.
Vanesa Muela é cantante, multiinstrumentista e divulgadora de música tradicional. No seu repertorio figuran xotas, romances, seguidillas, charros, etc. Comezou a cantar aos 4 anos e ao longo da súa carreira realizou miles de concertos. A súa actividade inclúe unha intensa labor de recuperación e difusión da tradición musical e no espectáculo que presenta en Rodeiro arrouparase de músicos do panorama moderno galego para facer un percorrido das músicas tradicionais baixo un enfoque fresco e innovador.
Pola súa banda, Comando Curuxás está formado por cinco músicos de longa traxectoria no panorama da música galega. Establécese como grupo no ano 2021 e conta cun repertorio vocal e instrumental pensado para o baile da terra. En Rodeiro presentarán o seu novo disco, “Carne de militancia” (2025).
Estes dous concertos son dúas das 93 actuacións de +Música que se celebrarán entre os meses de maio e decembro en 58 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia. Este programa ten un orzamento de 700.000 euros, cos que o organismo provincial aboa os custos de caché dos espectáculos e impulsa a reputación de Pontevedra como un destino cultural de primeiro nivel. A través de +Música, a Deputación aposta pola descentralización da cultura e a programación de actos culturais de calidade por toda a xeografía provincial.