A Deputación convoca a terceira edición das residencias Novos Valores para que dous artistas emerxentes da provincia fagan estadías en Madrid e Bruxelas
Con bolsas económicas de 9.500 € cada unha, os creadores escollidos farán en 2027 residencias de tres a catro semanas na Fondation Walter & Nicole Leblanc da capital belga e de tres meses no Centro de Creación Contemporánea Matadero Madrid
01/11/2026
A Deputación de Pontevedra, a través do Museo de Pontevedra, convoca a terceira edición das residencias artísticas Novos Valores, de novo en colaboración coa Fondation Walter & Nicole Leblanc de Bruxelas e co Centro de Creación Contemporánea Matadero Madrid. A convocatoria deste programa, para que dous creadores emerxentes da provincia realicen en 2027 estadías artísticas nestes centros, publicouse xa no Boletín Oficial da Provincia e o prazo de solicitude, xa aberto, permanecerá operativo ata o 26 de novembro.
Novos Valores naceu como certame de artes plásticas, pero desde 2025 modificou o seu formato para transformarse nun programa de residencias internacionais. O obxectivo é que este modelo resulte máis proveitoso para a formación dos artistas novos da provincia. O ano pasado participaron Carlos Fer e Andrea Davila Rubio, que desenvolveron nas súas estadías en Bruxelas e Madrid os proxectos “Exercicios para colgar unha pintura” e “El cuerpo es tierra que se convierte en jardín al contacto con el agua”, respectivamente. Este ano 2026 foron Sol Mussa e Sara Piñeira as artistas participantes, a primeira co proxecto “Biblioteca decolonial” e a segunda con “Esas estupendas materias duras”.
A convocatoria de Novos Valores para 2027 mantén as características das edicións anteriores. Concede dúas axudas destinadas a promover a creación artística contemporánea. As persoas seleccionadas gozarán dunha residencia de tres a catro semanas entre os meses de febreiro e abril na Fondation Walter & Nicole Leblanc de Bruxelas, e tres meses en Matadero Madrid, entre abril e xullo. A convocatoria está dirixida a creadores, investigadores ou comisarios nados ou residentes na provincia de Pontevedra.
As persoas solicitantes deberán presentar un proxecto artístico de creación específico, orixinal e inédito, de calquera modalidade de pintura, escultura, debuxo, deseño, gravado, fotografía, cerámica e vídeo, entre outros. O proxecto deberá executarse durante o período das residencias. As persoas seleccionadas recibirán unha bolsa de 9.500 € cada unha.
Para poder executar estas novas residencias artísticas, a Deputación asinou un convenio de colaboración con Madrid Destino, Cultura, Turismo y Negocio SA para a realización das residencias artísticas no Centro de Creación Contemporánea Matadero Madrid, e coa Fondation Walter & Nicole Leblanc para a parte das residencias que ten lugar en Bruxelas. Estas entidades facilitan os espazos nos que se desenvolverán as residencias, mentres que a Deputación de Pontevedra aporta 19.000 € e asumirá os custos relativos ao transporte das obras, unha vez rematadas as residencias.
A institución provincial pretende con esta iniciativa seguir apoiando a creación artística, así como dar visibilidade a proxectos artísticos contemporáneos, impulsar a formación e a promoción da arte, e contribuír ao establecemento de redes creativas e colaborativas, tanto desde a teoría como desde a práctica.
