A Deputación acolle dous obradoiros para a rapazada centrados no deseño dunha casa domótica accesible e na ciberseguridade e o hacking ético
O obradoiro sobre casa domótica accesible, dirixido a nenas e nenos de entre 8 e 11 anos, terá lugar o 29 de xuño e o centrado en ciberseguridade e hacking ético, para mozas e mozos de entre 16 e 24 anos, o 30 de xuño
21/06/2026
A Deputación acolle dous obradoiros para a rapazada centrados no deseño dunha casa domótica accesible e na ciberseguridade e o hacking ético. O obradoiro sobre casa domótica accesible, dirixido a nenas e nenos de entre 8 e 11 anos, terá lugar o 29 de xuño e o centrado en ciberseguridade e hacking ético, para mozas e mozos de entre 16 e 24 anos, o 30 de xuño. As dúas accións fomativas serán gratuítas, teñen aberto o prazo de inscrición e desenvolveranse en xornada de mañá na aula CEMIT do Edificio Administrativo da Deputación en Pontevedra.
A actividade centrada no deseño dunha casa domótica accesible combina programación e deseño creativo, con contidos adaptados segundo as idades dos participantes. As nenas e nenos traballarán en grupo para crear unha maqueta dun fogar empregando materiais sinxelos como caixas de zapatos e incorporarán funcionalidades mediante placas Arduino. A inscrición para esta actividade, que terá lugar de 10:00 a 14:00 horas na aula CEMIT do Edificio Administrativo da Deputación, pode realizarse a través da seguinte ligazón.
Pola súa banda, a actividade centrada en ciberseguridade e hacking ético desenvolverase atendendo a dinámicas interactivas e desafíos prácticos. Neste caso, as mozas e mozos de entre 16 e 24 anos aprenderán sobre encriptación e criptografía, a protexer dispositivos, identificar vulnerabilidades e previr ameazas dixitais. A inscrición para esta actividade, que terá lugar de 10:00 a 13:00 horas na aula CEMIT do Edificio Administrativo da Deputación, pode realizarse a través da seguinte ligazón.
