A Deputación incrementa nun 6% os recursos destinados a Medio Ambiente e Areeiro, que ascenden no 2027 a 9,1 millóns de euros

O deputado Marcos Guisasola remarcou que Medio Ambiente contará no 2027 cun orzamento de 5,5 millóns de euros para avanzar en políticas sostibles e respectuosas que contribúan a preservar a contorna natural da provincia

04/11/2026

A Deputación de Pontevedra incrementa nun 6% os recursos destinados a Medio Ambiente e Areeiro, que ascenden no 2027 a 9,1 millóns de euros. Tanto o deputado de Medio Ambiente e Mar, Marcos Guisasola, como o da Estación Fitopatolóxica Areeiro, Javier Tourís, destacaron a utilidade destes recursos para seguir impulsando a conservación da contorna natural e das especies vexetais da provincia, ámbitos nos que a Deputación investiu nos últimos anos máis de 33 millóns de euros.

Marcos Guisasola, deputado de Medio Ambiente, subliñou que o servizo que dirixe contará no 2027 con máis de 5,5 millóns de euros para avanzar en políticas sostibles e respectuosas que contribúan a preservar a contorna natural da provincia. Neste eido mencionou o incremento do 43% nas liñas de axudas dirixidas ás cooperativas agrogandeiras e ás confrarías de pescadores e agrupacións de mariscadoras, que, sumadas as dúas, pasan dos 700.000 euros ao millón de euros. Tamén medran un 25% as axudas dirixidas á federacións, asociacións e agrupacións de asociacións de cazadores, para chegar aos 150.000 euros. E destinaranse máis de 400.000 euros a continuar reforzando a colaboración con entidades como o CSIC, a Universidade de Vigo, o Consello Regulador da DO Rías Baixas e a DOP Mexillón de Galicia, a Fundación Semana Verde ou, entre outras Anfaco, para impulsar a biodiversidade ou promover a formación no ámbito medioambiental.

Pola súa banda, o deputado da Estación Fitopatolóxica Areeiro, Javier Tourís, destacou que con estes recursos, que serán de 3,6 millóns de euros para o servizo o próximo ano, vaise impulsar a investigación vexetal e promocionar a camelia e o TéAreeiro. A principal novidade neste ámbito e a creación dunha partida específica para a divulgación e promoción da camelia e o TéAreeiro, con 15.000 euros. Contémplanse recursos para participar no Congreso Internacional da Camelia, que acollerá Estados Unidos de América e no que a institución provincial participará con cinco traballos de investigación. Igualmente realizaranse reformas nas instalacións do centro, mellorando a aula de recepción de visitantes e avanzarase en convenios con outras entidades para avanzar na investigación sobre enfermidades que afectan ás especies vexetais.

No que corresponde á Finca Mouriscade, no 2027 realizaranse actuacións para mellorar as súas instalacións e optimizar os equipamentos cos que conta, por valor de 130.000 euros. Neste eido, tal e como subliñou o deputado delegado do servizo, Jorge Cubela, adquiriranse novos equipamentos para o laboratorio da finca por valor de 30.000 euros e impulsarase un proxecto de modernización integral da granxa, cun orzamento de 100.000 euros.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 7 resultados.