A Deputación de Pontevedra incrementa en máis dun 31% os recursos destinados ao fomento do turismo, que ascenden no 2027 a 9,3 millóns de euros
Os recursos para o 2027 permitirán intensificar a promoción turística das Rías Baixas, fortalecer o apoio ao sector, impulsar novos produtos turísticos e continuar avanzando na desestacionalización, a innovación e a posta en valor do patrimonio da provincia
10/11/2026
A Deputación de Pontevedra incrementa nun 31% os recursos destinados ao fomento do turismo, que ascenden no 2027 a 9,3 millóns de euros. O deputado delegado do servizo de Turismo, Jesús Vázquez Almuíña, remarcou que os recursos servirán para intensificar a promoción turística das Rías Baixas, fortalecer o apoio ao sector, impulsar novos produtos turísticos e continuar avanzando na desestacionalización, a internacionalización e a innovación e a posta en valor do destino.
Almuíña salientou que se porán en marcha varias novidades de cara ao 2027 como o investimento de 1,1 millóns de euros no centro de visitantes do Castelo de Soutomaior ou a ampliación da xira das foodtrucks do Sabor das Rías Baixas, que ademais de percorrer a provincia visitarán Oporto, A Coruña, Lugo, Ourense e Santiago de Compostela. Por outra banda, destinaranse 550.000 aos festivais musicais, un 10% máis que este ano, e as axudas que oscilan entre os 9.000 e os 12.500 para as festas de interese turístico nacional e internacional, medran máis dun 25%.
A liña de subvencións para actividades turísticas impulsadas por entidades da provincia incrementa case un 60%, ata chegar aos 120.000 euros, e a dirixida a actividades turísticas de carácter deportivo suma un 20% máis de recursos, pasando dos 100.000 aos 120.000 euros. Do mesmo xeito, tal e como subliñou o deputado de Turismo, Jesús Vázquez Almuíña, medran as axudas destinadas aos concellos para financiar os custos de persoal das oficinas da rede Info Rías Baixas, que pasan dos 280.000 aos 300.000 euros.
O orzamento de 2027 contempla unha partida de 400.000 euros dirixida a actuacións de promoción turística vinculadas ao aeroporto de Vigo, unha iniciativa enmarcada na estratexia de promoción exterior do destino Rías Baixas que pretende contribuír á visibilidade da provincia e á captación de novos visitantes. Ademais, tamén prevé a creación de novos produtos turísticos para diversificar a oferta e impulsar a desestacionalización, como miradoiros virtuais ou iniciativas vinculadas ao turismo astronómico; a consolidación do Rías Baixas Convention Bureau; o reforzo da promoción en feiras e mercados turísticos nacionais e internacionais; e a colaboración entre as administracións públicas, as empresas e os diferentes axentes turísticos.
Co orzamento previsto para o vindeiro ano, o deputado provincial subliñou que serán preto de 30 millóns de euros os recursos dirixidos pola Deputación de Pontevedra ao fomento do turismo nos últimos anos. Neste eido, recordou que con esta suma de fondos públicos impulsouse a Rías Baixas Convention Bureau ou a Rías Baixas Film Commission así como liñas de axudas para a rede de información turística InfoRías Baixas, para que entidades sen fins de lucro poidan impulsar iniciativas de promoción do turismo, para espallar a accesibilidade turística ou o turismo nos camiños cara Compostela, así como para Plans de Sostibilidade Turística, para o proxecto Praias sen límites e para a transformación dixital da provincia como Destino Turístico Intelixente.