Luisa Sánchez pon en valor a mellora executada da rúa Pintor Colmeiro, na que a Deputación investiu 1,9 millóns
A actuación incluíu a renovación integral da rúa e a instalación de catro ramplas mecánicas que melloran a accesibilidade cara ao centro de saúde
21/07/2026
A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, visitou este martes as obras de remodelación da rúa Pintor Colmeiro, xa rematadas e pendentes unicamente da apertura ao público das catro ramplas mecánicas instaladas.
A actuación permitiu dotar a rúa de catro cintas transportadoras, que este mesmo martes pasaron diferentes probas técnicas, para salvar unha pendente superior ao 10%. Deste xeito, tal e como salientou a representante provincial en Vigo, mellórase a accesibilidade para a veciñanza, especialmente para as persoas maiores e para quen precisa desprazarse ata o centro de saúde.
Ademais da instalación das ramplas, o proxecto incluíu a renovación integral da rúa, coa mellora das redes de saneamento e abastecemento, da iluminación pública, do mobiliario urbano e do pavimento.
Os traballos iniciáronse en agosto do pasado ano cun prazo de execución de once meses e, segundo sinalou a vicepresidenta, a obra está xa “lista para que a cidadanía poida gozar desta rúa renovada”.
Luisa Sánchez subliñou o compromiso da Deputación coa cidade olívica, lembrando que a institución provincial achega 1,91 millóns de euros a esta actuación, o que representa o 68% do investimento total. “A Deputación é agora unha administración decisiva na transformación de Vigo”, afondou. O Concello completa o presuposto con 907.000 euros, ata un total de 2,82 millóns.
Igualmente, precisou que os fondos destinados á rúa Pintor Colmeiro proceden directamente dos 6,2 millóns de euros que ela mesma rescatou á súa chegada ao ente provincial, hai algo máis de dous anos.
A vicepresidenta destacou que esta é a quinta obra que a Deputación conclúe en Vigo durante o presente mandato tras as intervencións executadas na Estrada Clara Campoamor, na Pista Vermella do Pavillón das Travesas, no Parque Nelson Mandela de Navia e no Campo das Relfas.
Así mesmo, lembrou que a institución continúa impulsando outros proxectos estratéxicos na cidade como a reconstrución da bancada de Gol en Balaídos, a recuperación do Teatro Cine Fraga, a humanización da rúa San Roque, o ascensor da rúa Juan Ramón Jiménez e a creación dun gran parque de xogos en Finca Matías.
Convenios
Sobre este último investimento, Luisa Sánchez recordou que o Concello de Vigo segue sen motivar a prórroga que permita salvar o financiamento provincial tras o retraso acumulado por parte do goberno local no inicio da obra.
Do mesmo xeito, recordou que a administración municipal aínda non aprobou o convenio para humanizar a rúa Rosalía de Castro, aprobado hai máis dun mes pola Deputación.
Finalmente, lamentou que o Concello tampouco aclare a que melloras quere destinar o resto dos fondos reservados pola institución provincial para proxectos de cooperación neste ano 2026.
