A Deputación abre este luns o prazo para mercar as entradas para as visitas teatralizadas de Samaín nos castelos de Soutomaior e Sobroso
As actividades, pensadas para todos os públicos, comezarán o 11 de outubro e haberá un total de 520 prazas en 26 pases que se celebrarán ata o 1 de novembro
26/09/2026
A Deputación de Pontevedra abre este luns 28 de setembro o prazo para mercar as entradas para desfrutar das visitas teatralizadas de Samaín que se desenvolverán nos castelos de Soutomaior e Sobroso entre o 11 de outubro e o 1 de novembro. As actividades, pensadas para todos os públicos e producidas por EscénaTe, amosarán a historia dos castelos, as súas lendas e as personaxes que habitaron neles co obxectivo de seguir poñendo en valor o carácter histórico e patrimonial destes elementos singulares da provincia.
Ofertaranse 26 quendas de visitas cun aforo máximo de 20 persoas por función, polo que un total de 520 persoas poderán desfrutar das actividades. En concreto, no Castelo Sobroso celebraranse os días 17 e 18 de outubro, cun pase diario ás 16:30 horas, e os días 24, 25 e 31 de outubro e 1 de novembro, con dous pases diarios, ás 11:30 e ás 16:30 horas. Neste caso, as visitas están ambientadas na Idade Media durante o cerco sufrido pola raíña Dona Urraca. En “Os sinais de Sobroso”, o público integrarase na ficción como parte da poboación refuxiada na fortaleza e percorrerá os seus espazos descubrindo, a través da acción, como funcionaban os seus elementos e a súa relación co territorio. A experiencia combinará divulgación histórica, interpretación do patrimonio, intriga, humor e elementos da tradición galega vinculados ao Samaín e á Noite de Defuntos, nunha historia que irá facendo convivir progresivamente a realidade histórica de Sobroso coas súas lendas e coa súa memoria popular. As entradas poden adquirirse na web do Castelo de Sobroso a un prezo de 5 € por persoa.
Pola súa banda, no Castelo de Soutomaior as visitas terán lugar os días 11, 12, 17, 18, 24, 25 e 31 de outubro e 1 de novembro, con dous pases diarios, ás 12:00 e ás 16:30 horas. Aquí “As voces de Soutomaior” é unha proposta que convida o público a percorrer os seus espazos a través das distintas épocas e personaxes que deixaron pegada na súa historia. Pedro Madruga e a memoria da revolta Irmandiña, o marqués de la Vega de Armijo e o ambiente social e político do século XIX, así como María Vinyals permiten descubrir a transformación do castelo en residencia, lugar de cultura e espazo aberto a novas ideas. Con humor, interacción coas e cos visitantes, elementos de lenda e momentos de emoción, a actividades converte murallas, salóns e xardíns nun escenario vivo e presente. Este luns 28 as entradas estarán dispoñibles na web do Castelo de Soutomaior por 8 € por persoa.