A Deputación suma o sétimo galardón para a campaña Rías Baixas: a túa meta, o teu destino co premio ao mellor audiovisual turístico no Festival Internacional de Cinema de Turismo Art&Tur celebrado en Ovar, Portugal

A institución provincial foi seleccionada entre 247 películas procedentes de 45 países participantes no certame

01/11/2026

A Deputación suma o sétimo galardón para a campaña Rías Baixas: a túa meta, o teu destino co premio ao mellor audiovisual turístico no Festival Internacional de Cinema de Turismo Art&Tur celebrado en Ovar, Portugal

A Deputación de Pontevedra suma un novo galardón para a campaña Rías Baixas: a túa meta, o teu destino, tras acadar o premio ao mellor audiovisual turístico no Festival Internacional de Cinema de Turismo Art&Tur celebrado en Ovar, Portugal. O vídeo de campaña de promoción da provincia de Pontevedra foi recoñecido pola súa calidade e innovación na promoción audiovisual do destino e foi seleccionado entre 247 películas procedentes de 45 países participantes no certame.

O galardón no Art&Tur da cidade portuguesa de Ovar trátase do sétimo premio conseguido polo audiovisual A túa meta, o teu destino neste 2026. O primeiro premio conseguido pola campaña de promoción turística da provincia deste ano foi no Japan World´s Tourism Film Festival, onde competiu con 1.300 candidaturas de 110 países; o segundo no New York Festival TV & Film Awards, onde foi seleccionado por un xurado integrado por máis de 200 produtores, directores e profesionais creativos dos medios de comunicación de todo o mundo; o terceiro no International Tourism Film Festival Africa, celebrado en Johannesburgo, onde competiu con 438 candidaturas de 47 países diferentes; o cuarto no Terres Travel Festival de Tortosa (España), onde acadou o galardón á mellor posproducción; o quinto no Cannes Corporate Media & Tv Awards (Francia), no que obtivo o delfín de prata; e o sexto premio no Zagreb Tourfilm Festival (Croacia), no que conseguiu o terceiro premio na categoría de produtos turísticos.

A Deputación de Pontevedra reafirma coa campaña Rías Baixas: a túa meta, o teu destino o seu compromiso coa promoción dun modelo turístico innovador, sostible e de calidade, no que o deporte actúa como motor de desenvolvemento económico, social e territorial. A campaña busca consolidar á provincia como un destino de referencia para o turismo activo, poñendo en valor os recursos naturais da provincia, apoiando o tecido deportivo e turístico local e impulsando un estilo de vida saudable que conecta territorio, persoas e experiencias.