A Deputación destina preto de 50.000 euros ao Concello de Salceda de Caselas para a pavimentación de vías municipais en San Xurxo e Entenza

Trátanse de recursos do Plan +Provincia que este ano destina ao concello máis de 1,3 millóns de euros ao sumar 780.000 euros do 2026 e o adianto de preto de 550.000 euros da liña de investimentos do 2027

28/09/2026

A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar unha achega por valor de preto de 50.000 euros para que o Concello de Salceda de Caselas faga fronte á pavimentación de vías municipais nas parroquias de San Xurxo e Entenza. Trátanse de recursos do Plan +Provincia que este ano destina ao concello máis de 1,3 millóns de euros, ao sumar 780.000 euros do 2026 e o adianto de preto de 550.000 da liña de investimentos do 2027.

O proxecto contempla a mellora de tres camiños municipais situados nos lugares de Bouzavedra, na parroquia de San Xurxo de Salceda, e Ascensión e O Cerqueiral, na parroquia de Entenza. En total, as actuacións abranguerán 400 metros de viarios municipais, con diferentes necesidades de acondicionamento e pavimentación.

En Bouzavedra actuarase sobre dous tramos, un deles actualmente en terra, mentres que nos camiños de Ascensión e O Cerqueiral realizarase unha renovación completa do firme, ao atoparse tamén sen pavimentar. Os traballos incluirán a limpeza das marxes, a apertura e mellora das cunetas, a preparación do terreo e a colocación dunha nova base e capa de pavimento, garantindo un firme máis resistente e duradeiro. No conxunto das tres actuacións pavimentaranse máis de 2.000 metros cadrados e o proxecto inclúe tamén a adaptación das tapas de rexistro existentes e, no caso de Bouzavedra, a renovación da sinalización de STOP no entronque coa antiga estrada autonómica PO-407, actualmente de titularidade municipal.