A Deputación destina 20.000 euros para que nove entidades sen fins de lucro do Salnés e Arousa impulsen actividades de dinamización da lingua galega

A liña de axudas, que repartiu 150.000 euros entre 61 entidades de toda a provincia, ten como obxectivo favorecer o coñecemento, a posta en valor e o uso da lingua galega por parte da cidadanía

07/07/2026

A Deputación de Pontevedra destina este ano un total de 20.000 euros a nove colectivos da zona do Salnés e Arousa para o impulso de actividades de dinamización da lingua galega. A Xunta de Goberno da institución provincial acaba de aprobar esta liña de axudas das que este ano resultaron beneficiarias un total de 61 entidades sen fins de lucro do territorio provincial, co fin de organizar accións que permitan incrementar a presenza do galego en todos os contextos.

En Cambados, a Asociación Cambados Zona Centro (Centro Comercial Urbano) recibirá 3.072 € para o fomento do uso do galego no comercio. Na Illa de Arousa, a A.D. Cultural Dorna recibirá 1.567 € para realizar actividades co gallo das Letras Galegas 2026. En Ribadumia a Asociación Contra o Maltrato ESMAR Maltrato Cero recibirá 3.386 € para o proxecto “As palabras tamén protexen”, a Asociación Deligras Galicia 2.922 € para un proxecto de relatos curtos e a Asociación Gotas 225 € para o taller literario “Contármonos”. Por último, en Sanxenxo resultaron beneficiados catro colectivos: a Asociación Arrebol de Galicia recibirá 3.500 € para “Debatendo en galego II”, a Asociación Cultural Abiñadoira 872 € para a celebración e organización de “Cóntoche un traxe”, a Asociación Cultural Soalleira de Dorrón contará con 2.023 € para o obradoiro Xogamos en Galego e, por último, o Club Serendipia con 2.500 € para o I Certame provincial de creaciónliteraria Neo-Voces.

“Desde a Deputación temos claro que temos que apoiar ás entidades que traballan pola nosa lingua, porque defender o galego é defender a nosa cultura e a nosa historia -remarcou o presidente Luis López trala Xunta de Goberno da Deputación-. Investir na nosa lingua é investir no futuro da nosa provincia, no futuro de Galicia”.