A Deputación destina máis de 10.000 euros para que cinco entidades sen fins de lucro de Bueu e Cangas de Morrazo impulsen actividades de dinamización da lingua galega

A liña de axudas, que repartiu 150.000 euros entre 61 entidades de toda a provincia, ten como obxectivo favorecer o coñecemento, a posta en valor e o uso da lingua galega por parte da cidadanía

07/07/2026

A Deputación de Pontevedra destina este ano máis de 10.000 euros a cinco colectivos da comarca do Morrazo, concretamente de Bueu e de Cangas de Morrazo para o impulso de actividades de dinamización da lingua galega. A Xunta de Goberno da institución provincial acaba de aprobar esta liña de axudas das que este ano resultaron beneficiarias un total de 61 entidades sen fins de lucro do territorio provincial, co fin de organizar accións que permitan incrementar a presenza do galego en todos os contextos.

En Bueu, a Asociación Cultural Cinematográfica de Galicia FICBUEU recibe 4.000 € para a rodaxe dunha curtametraxe en colaboración con ACCEM, mentres que en Cangas de Morrazo son catro as entidades que se benefician desta liña de achegas: a Asociación para a Promoción Turística do Morrazo contará con 1.254 € para un recital poética, a Asociación O Son do Pobo con outros 1.254 € para un recital de poemas galegos, a Asociación Xuvenil Cultural Staccato con 1.442 € para Cantares Galegos – Ano Oteriano 2026, e a Fundación Museo do Videoxogo de Galicia con 2.850 € para a dinamización lingüística arredor do lanzamento de videoxogogalego.gal.

“Desde a Deputación temos claro que temos que apoiar ás entidades que traballan pola nosa lingua, porque defender o galego é defender a nosa cultura e a nosa historia -remarcou o presidente Luis López trala Xunta de Goberno da Deputación-. Investir na nosa lingua é investir no futuro da nosa provincia, no futuro de Galicia”.