A Deputación leva a campaña “Rías Baixas: a túa meta, o teu destino” ás pantallas da Gran Vía de Madrid

Trátase dunha acción promocional enmarcada nos obxectivos de desestacionalización e descentralización do destino que o pasado ano, coa campaña Cando volves?, acadou cinco millóns de impactos

10/10/2026

A Deputación leva a campaña “Rías Baixas: a túa meta, o teu destino”, ás pantallas da Gran Vía de Madrid para avanzar na desestacionalización e a descentralización do destino provincia de Pontevedra. Entre este luns 12 e o sábado 18 de outubro, a Deputación proxectará na Gran Vía de Madrid —un dos mercados emisores clave de visitantes— os materiais da campaña “Rías Baixas: a túa meta, o teu destino” con preto de 3.800 emisións e coincidindo cun momento do ano no que o interese xeral por realizar viaxes ou escapadas curtas comeza a incrementarse. O pasado ano a campaña Cando volves? acadou cinco millóns de impactos a través desta mesma acción promocional.

A campaña poderase ver en pantallas situadas en puntos estreitamente vinculados á vida cultural e social madrileña, como o icónico edificio Capitol ou o teatro Gran Vía. Trátase dunha contorna caracterizada por un fluxo constante de visitantes, residentes e turistas nacionais e internacionais, cunha elevada densidade peonil e un carácter comercial e de ocio que reforza de maneira natural a conexión co público interesado en propostas culturais, gastronómicas e de lecer, segmentos aliñados coa identidade e a oferta turística das Rías Baixas.

A campaña “Rías Baixas: a túa meta, o teu destino” reafirma o compromiso da Deputación cun modelo turístico innovador, sostible e de calidade, no que o deporte actúa como motor de desenvolvemento económico social e territorial. A campaña busca consolidar as Rías Baixas como un destino de referencia para o turismo activo, poñendo en valor os recursos naturais da provincia, apoiando o tecido deportivo e turístico local e impulsando un estilo de vida saudable, que conecta territorio, persoas e experiencias. Ao longo do ano foi premiada xa en festivais de audiovisuais turísticos celebrados en Xapón, Estados Unidos, Sudáfrica, España e Francia.