A Deputación organiza este mes de xuño tres novos obradoiros de capacitación tecnolóxica da Rede SmartPeme+

A institución provincial impulsa accións telemáticas sobre temas relacionados co Whatsapp Business, a Intelixencia Artificial e o copywriting para web e tendas en liña

07/06/2026

A Deputación de Pontevedra organiza este mes de xuño tres novos obradoiros de capacitación tecnolóxica ao abeiro da Rede SmartPeme+. As accións, todas elas telemáticas e con inscrición previa, afondarán en cuestións de interese para o tecido empresarial da provincia como o Whatsapp Business, a Intelixencia Artificial e o copywriting para web e tendas en liña.

O xoves 11 de xuño, a partir das 12:00 horas, terá lugar o obradoiro “Whatsapp business para negocios”, no que de xeito práctico se afondará na optimización desta ferramenta como canle estratéxica de venda e fidelización local. Na sesión, analizarase a configuración do perfil profesional, o despregue de automatizacións, a xestión eficiente de catálogos e o deseño de campañas de márketing directo, co obxectivo de dixitalizar a atención ao cliente, axilizar procesos comerciais e potenciar as conversións en micronegocios. As inscricións deben realizarse neste formulario.

O xoves 18 de xuño, a partir das 12:00 horas, desenvolverase “Copywriting II: web e tendas en liña”, no que se dará a coñecer como axudar a converter as visitas en clientes grazas ás palabras. Nesta formación afondarse en como comunicar o valor dos produtos ou servizos de xeito claro, natural e persuasivo e, entre outras cuestións, como mellorar as fichas de produto. As inscricións deben realizarse neste formulario.

Finalmente o xoves 25 de xuño, tamén desde as 12:00 horas, a Deputación ofrece o obradoiro “IA como ferramenta de marketing”, unha formación técnica e introdutoria sobre o impacto real da intelixencia artificial aplicada ao marketing dixital contemporáneo. Neste eido, na sesión afóndase en ferramentas clave para a automatización de contidos, optimización SEO e, entre outras cuestións, a xestión avanzada de plataformas CRM. As inscricións deben realizarse neste formulario.

A Deputación destina este ano un total de 740.000 € á Rede SmartPeme+ que, por vez primeira, se coordinará co servizo dos Polos de Emprendemento da Xunta de Galicia co obxectivo de cubrir todo o territorio da provincia. Deste xeito, desde as oficinas de Vigo, Pontevedra e Ponteareas levaranse a cabo actividades formativas relacionadas co crecemento empresarial e a transformación dixital, asesorando a emprendedores, autónomos e pemes e impartindo talleres formativos e actividades complementarias.