Luis López anuncia o investimento de 2,5 millóns nunha ferramenta de xestión integral para as xefaturas de Policía Local da provincia

A Deputación deu luz verde ao expediente de contratación do servizo, que se ofrecerá por un período de catro anos ás entidades locais de menos de 50.000 habitantes a través dun acordo marco liderado pola Oficina Tecnolóxica para Asistencia aos Concellos

 

26/06/2026

Luis López na conferencia de prensa do 26-06-2026

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, anunciou este venres que a institución provincial ofrecerá un servizo de software integral, dotado de 2,5 millóns de euros e liderado desde a Oficina Tecnolóxica para Asistencia aos Concellos (OTAC), destinado ás xefaturas de Policía Local das entidades locais de menos de 50.000 habitantes da provincia. Este proxecto permitirá unificar as ferramentas que utilizan e obter condicións máis vantaxosas tanto na súa funcionalidade como no seu custo. Ofrecerase a estas entidades “a través dun acordo marco ao que se poderán adherir durante, como mínimo, un ano e ata os catro anos que terá vixencia”, sinalou Luis López.

A través deste software, ofreceráselle ás entidades locais ferramentas para a xefatura e os mandos, como axendas, controis de avisos e chamadas, follas diarias de actividade ou xestión de provedores, ademais de documentación estandarizada de dilixencias, actas, informes ou oficios. Esta plataforma terá capacidade para incluír recursos de formación como guías explicativas, ademais de actualización constante, navegación intuitiva desde todos os dispositivos, e flexibilidade para poder realizar axustes segundo a necesidade de cada xefatura.

Ademais das económicas, Luis López sinalou que entre as vantaxes que obterán as entidades locais que se adhiran a esta ferramenta atópanse “a integración de toda a información, un mellor cruce dos datos relevantes, a axilización das investigacións ou a optimización da planificación de quendas, patrullas e asignación de recursos, ademais do fortalecemento da seguridade dos datos”. A Xunta de Goberno deste venres deu luz verde ao expediente para a contratación deste servizo, e proximamente a Deputación abrirá o prazo para que as entidades locais poidan solicitar adherirse.

videos