A Deputación apoia a programación do V Troita Folk de Ponte Caldelas a través do programa Culturea
O deputado de Cultura, Jorge Cubela, puxo en valor que a institución provincial financia catro actuacións do festival, organizado polos Coribantes de Buchabade esta fin de semana no marco da Festa da Troita de Ponte Caldelas
27/05/2026
A Deputación de Pontevedra apoia a programación da quinta edición do Troita Folk, un festival de música folclórica que terá lugar este sábado 30 e este domingo 31 de maio no marco da Festa da Troita de Ponte Caldelas (celebración declarada de Interese Turístico de Galicia). O festival está organizado polos Coribantes de Buchabade, reforzando deste xeito a colaboración que a institución provincial vén prestando a este colectivo nos últimos anos.
O deputado provincial de Cultura, Jorge Cubela, puxo en valor que a través do Culturea se financian as actuacións do Grupo de Danzas Pais de San Roque e As Falcatrueiras, ambas as dúas de Cangas de Morrazo, así como a do grupo O Carballo das Cen Pólas, de Reborela (Redondela), e a de Pataghulhos, de Moaña, cunha axuda que supera os mil euros. O festival terá lugar na Alameda de Ponte Caldelas ambos os dous días a partir das 19:00 horas.
O deputado provincial tamén lembrou que a Deputación de Pontevedra colabora todos os anos coa agrupación, poñendo á súa disposición o auditorio do Centro Príncipe Felipe para acoller o seu concerto solidario a favor de Manos Unidas. Ademais, a institución provincial involucrouse especialmente nos anos de celebración do seu vixésimo aniversario celebrado en 2025, destacando a súa posición como entidade referente na comarca de Pontevedra especialmente polo seu traballo innovador en mestizaxe musical ou os seus intercambios culturais.
