A Deputación distribúe 15 millóns de euros en tres anos para o fortalecemento do movemento asociativo, veciñal e das comunidades de augas da provincia

O apoio ao movemento asociativo pasou de cero colectivos atendidos polo anterior goberno a máis de mil que son os que reciben axudas do goberno de Luis López

21/07/2026

A Deputación distribúe 15 millóns de euros en tres anos para o fortalecemento do movemento asociativo, veciñal e das comunidades de augas da provincia

A Deputación de Pontevedra distribúe 15 millóns de euros en tres anos para o fortalecemento do movemento asociativo, veciñal e das comunidades de augas da provincia. “Pasamos de cero a máis de 1.000. Cero eran os colectivos atendidos polo anterior goberno e máis de mil son os que reciben agora axuda da Deputación”, subliñou o presidente provincial quen remarcou que “esa reforma nun local, esa mellora na calidade de auga ou esa regularización dunha traída non serían posibles sen os recursos da institución provincial. A todos eles chegamos suplementando crédito logo de ver superadas unha e outra vez as nosas expectativas”.

“Somos a Deputación do tecido asociativo”, subliñou o deputado encargado de Acción Comunitaria, Javier Tourís. Neste eido, puxo en valor o conseguido nestes tres anos de goberno nos que o tecido asociativo da provincia se converteu en protagonista con plans de axudas para asociacións veciñais e comunidades de usuarios de auga modernos, innovadores e dotados con recursos por valor de 15 millóns de euros. Un impulso no que se puxo o foco na convivencia e mellora da calidade de vida veciñal, fortalecendo o movemento asociativo a través de iniciativas como o Plan Provincia Comunitaria ou o programa +Convivir; e recoñecendo, sensibilizando e apoiando as traídas de auga comunitarias a través do Plan Aqua ou +Novaqua.

“Neste tempo -remarcou Tourís- temos demostrado que este impulso dirixido ao movemento asociativo era unha auténtica necesidade, ata o punto de que nos convertemos nun modelo a seguir en España e Europa”. Neste eido, o deputado provincial, tamén responsable dos Fondos Europeos, quixo subliñar que “temos 39 proxectos europeos aprobados con máis de 33 millóns de euros e nestes tres anos témonos convertido na primeira deputación de España na captación e liderado de proxectos nos programas europeos de cooperación territorial”. Tamén remarcou o feito de formar parte do Padroado da Fundación Galicia Europa e de impulsar iniciativas para que os proxectos europeos cheguen aos concellos, converténdonos ademais en líderes na transición enerxética e en actuacións enfocadas no benestar, na proximidade e no impulso de servizos no rural.

Os proxectos europeos tamén se están a afrontar na Estación Fitopatolóxica Areeiro, outra das áreas que xestiona o deputado Javier Tourís e desde onde se está a colaborar con centros de investigación de países como Irlanda, Francia ou Portugal, o que ten convertido a este centro nun referente internacional en investigación fitopatolóxica e sanidade vexetal. A través de Areeiro, estase a traballar ademais no impulso da camelia como activo para a economía da provincia, destacando a produción de máis de 65 kg de té, 225 kg de aceite de camelia e a doazón de máis de 6.000 camelias para entidades públicas da provincia.

Galerias de imaxes