A Deputación impulsa a maior rede de apoio ao deporte da súa historia, con 30 M€ mobilizados para modernizar as infraestruturas deportivas e axudas que medran un 62%
En tres anos de goberno de Luis López destináronse 5.000 axudas a deportistas e clubs e impulsáronse novas liñas de subvencións para dar resposta ás súas necesidades como DepoVan ou +Talento Motor
20/07/2026
A Deputación de Pontevedra ten posto en marcha nestes tres anos de goberno a maior rede de apoio ao deporte da súa historia, con 30 millóns de euros mobilizados para modernizar as infraestruturas deportivas e axudas que medran un 62%. “Somos a provincia do deporte -asegurou o presidente provincial Luis López- e nunca antes houbo tantos recursos para o seu impulso nin tantos deportistas que recibiron o apoio da Deputación”.
“Nestes tres anos temos conseguido unha transformación espectacular da provincia no ámbito do deporte”, insistiu a vicepresidenta da Deputación e responsable do servizo de Deportes, Luisa Sánchez. “Xeramos -engadiu- a maior rede de apoio ao deporte da historia da institución provincial, con toda unha provincia como escenario de eventos e probas deportivas, e destinamos máis recursos que nunca, con 5.000 axudas a deportistas e clubs nestes tres anos, e impulsando novas subvencións para dar resposta ás súas necesidades”.
Tamén recordou a vicepresidenta os investimentos por valor de preto de 30 millóns de euros para impulsar un modelo deportivo máis próximo ao territorio, con máis oportunidades para a práctica deportiva e con maior impacto social e económico en toda a provincia. Recursos aos que hai que sumar outros 30 millóns de euros para mellorar ou poñer en marcha novas infraestruturas deportivas, favorecendo o acceso a instalacións de maior calidade.
Sánchez puxo en valor outras novidades como ProDeporte, a nova liña dotada con 1,8 millóns de euros para mellorar infraestruturas e para material deportivo dirixida aos clubs; iniciativas como DepoVan e +Talento Motor; ou o programa O Noso Club, creando oportunidades para que mozas e mozos da provincia poidan iniciarse, progresar e competir nas mellores condicións. Neste eido, a vicepresidenta quixo enxalzar o traballo realizado para fomentar o deporte como hábito saudable, espallando a actividade deportiva por toda a xeografía da provincia, con iniciativas como Entre Pontes Trail & Running, Balonmán 5x5 na rúa, Urban 3x3 de baloncesto ou o I Circuíto de Atletismo en pista.
Ademais, Luisa Sánchez tamén remarcou o papel da Deputación na consolidación da provincia como gran escenario deportivo e a través de iniciativas como a nova liña de axudas para bens e servizos, a copa Deputación de fútbol ou a recuperación da Bandeira da Deputación de Pontevedra de Remo. E subliñou o reforzo da colaboración coas federacións deportivas, cos clubs e entidades da provincia para construír un tecido deportivo máis sólido, coordinado e próximo ao territorio.
