A Deputación continúa esta fin de semana en Pontevedra e O Campo Lameiro os percorridos do programa provincial +Bosques

As contornas dos río Maneses e Lérez acollen novas saídas deste programa provincial que promove o contacto directo coa natureza a través da modalidade de baños de bosque

19/08/2026

A Deputación de Pontevedra continúa esta fin de semana, con todas as prazas esgotadas, os percorridos da nova edición do programa +Bosques, unha iniciativa que promove o contacto directo coa natureza e permitirá ás persoas participantes gozar das vantaxes dos baños de bosques. As actividades terán lugar este sábado 22 de agosto no Campo Lameiro e o domingo 23 en Pontevedra, coa participación dun total de 60 persoas.

A contorna do río Maneses, no Campo Lameiro, presenta unha rica vexetación autóctona de ribeira, con salgueiros, carballos, loureiros e fentos, ademais de muíños. Pola súa banda, os percorridos a carón do río Lérez atravesarán un espazo cunha vexetación rica e diversa, con bosques de galería, fragas e, nas zonas máis altas, urces e xestas. No seu último treito este está designado como Lugar de Importancia Comunitaria (LIC) e Zona Especial de Conservación (ZEC) da Rede Natura 2000.

Nesta edición de +Bosques, o programa chegará a un total de sete espazos da costa e o interior da provincia que permitirán dar a coñecer a variedade de ecosistemas ricos en biodiversidade de Pontevedra. Todas as rutas proporcionarán ás persoas participantes unha experiencia de conexión directa en e coa natureza, promovendo a estimulación sensorial con exercicios físicos e psicolóxicos para comprender, entender e fortalecer os lazos co medio natural da provincia.

Os percorridos continuarán no mes de agosto pola contorna do Barosa (Barro) o 29 de agosto e polo Pazo de Lourizán (Pontevedra) o 30 de agosto, con todas as prazas esgotadas. As datas do programa de setembro poden consultarse no sitio web institucional e a inscrición para poder participar nestas últimas saídas do programa abrirá o próximo luns, 24 de agosto, ás 9:00 horas.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 4 resultados.