A Deputación retoma esta fin de semana en Pontevedra e Silleda os percorridos do programa provincial +Bosques
O río Lérez e a contorna do mosteiro de Carboeiro acollen novas saídas deste programa, que promove o contacto directo coa natureza a través da modalidade de baños de bosque
02/09/2026
A Deputación de Pontevedra comeza esta fin de semana, con todas as prazas esgotadas, os percorridos do mes de setembro do programa +Bosques, unha iniciativa que promove o contacto directo coa natureza e permitirá ás persoas participantes gozar das vantaxes dos baños de bosques. As actividades, con dúas quendas por día, terán lugar este sábado 5 de setembro polo río Lérez, en Pontevedra, e este domingo 6 de setembro na contorna do mosteiro de Carboeiro, en Silleda. As actividades teñen todas as prazas esgotadas, coa participación dun total de 60 persoas.
Este sábado será a quenda dos grupos que visitarán o val do río Lérez, desde a estación de bombeo próximo á Ponte de Ferro de Monte Porreiro, continuando por unha pequena praia fluvial de auga calma preto de onde fai un século se atopaba o balneario Casimiro Gómez, famoso pola auga medicinal. O paseo continúa polo sendeiro norte ata chegar a unha zona de carballeiras, e ascende o río dos Fontáns ata unhas pequenas fervenzas que crean pozas de auga cristalina. O domingo, as persoas que visiten a contorna do mosteiro de San Lourenzo de Carboeiro poderán percorrer a ribeira do río Deza, que conta cunha foresta autóctona e unha senda botánica na que se atopa unha ponte que se caracteriza por unha lenda do demo moi propia do folclore autóctono galego.
Esta edición de +Bosques inclúe rutas en sete espazos da costa e o interior da provincia ata este mes de setembro para coñecer a variedade de ecosistemas ricos en biodiversidade de Pontevedra. Todas as rutas proporcionan ás persoas participantes unha experiencia de conexión directa en e coa natureza nas que se promove a estimulación sensorial con exercicios físicos e psicolóxicos, co fin de comprender, entender e fortalecer os lazos co medio natural da provincia.
A Deputación de esgotou en menos dun día todas as prazas dispoñibles para as quendas deste mes de +Bosques, coas que pecha a actual edición do programa. As actividades celebraranse na contorna do río Lérez (Pontevedra) os días 5 e 26 de setembro, pola contorna do mosteiro de Carboeiro (Silleda) o 6 e o 27 de setembro, polo Pazo de Lourizán (Pontevedra) o 12 de setembro, polas fervenzas de Parafita e Raxoi (Valga) o 13 de setembro, polo parque natural do río Barosa (Barro) o 19 de setembro e, finalmente, polo río Maneses (O Campo Lameiro) o 20 de setembro.