A Deputación destina 150.000 euros para que 61 entidades sen fins de lucro da provincia impulsen actividades de dinamización da lingua galega
O presidente Luis López remarcou a importancia de “apoiar ás entidades que traballan pola nosa lingua, porque defender o galego é defender a nosa cultura e a nosa historia”
06/07/2026
A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar a concesión da liña de axudas para que entidades sen fins de lucro da provincia impulsen actividades de dinamización da lingua galega. En total, trátase de 150.000 euros para que 61 entidades de 28 concellos se beneficien desta liña de axudas provincial. “Desde a Deputación temos claro que temos que apoiar ás entidades que traballan pola nosa lingua, porque defender o galego é defender a nosa cultura e a nosa historia -remarcou o presidente Luis López-. Investir na nosa lingua é investir no futuro da nosa provincia, no futuro de Galicia”.
Esta liña de axudas da Deputación distribuirá entre 420 e 4.000 euros e, con estes recursos, as entidades beneficiarias poderán desenvolver iniciativas relacionadas coa toponimia, co impulso de curtametraxes e contidos audiovisuais, fomentar o uso do galego no comercio e en actividades económicas, organizar premios, recitais poéticos e regueifas ou certames literarios e, entre outras moitas cuestións, impulsar actividades ao abeiro das Letras.
As 61 entidades beneficiarias das axudas pertencen aos concellos de Agolada, Arbo, Barro, Bueu, Cambados, Cangas de Morrazo, Cerdedo Cotobade, A Estrada, Gondomar, A Illa de Arousa, Lalín, A Lama, Marín, Mondariz, Moraña, Mos, Nigrán, Poio, Ponte Caldelas, Pontevedra, O Porriño, Redondela, Ribadumia, O Rosal, Salvaterra de Miño, Sanxenxo, Vigo e Vila de Cruces.
