A Deputación destina máis de 320.000 do Plan +Provincia a Moraña para financiar a humanización dunha parcela en Cosoirado
Moraña destinará a parcela a crear un miradoiro, unha área de descanso e unha zona de xogos infantís
10/07/2026
A Deputación de Pontevedra aprobou este venres na Xunta de Goberno unha achega por valor de preto de 325.000 euros para o Concello de Moraña. Os fondos, procedentes do Plan +Provincia 2026-2027, permitirán levar a cabo a humanización dunha parcela situada no núcleo de Cosoirado no que se localizarán un miradoiro, unha área de descanso e unha zona de xogos infantís.
A actuación de humanización suporá a posta en valor desta contorna mediante a creación destes tres espazos urbanos de calidade, axustados ás cotas da vía perimetral que lles dará acceso e salvando os desniveis do terreo mediante a proxección de muros de pedra que a integrarán coa contorna. A urbanización finalízase con novos pavimentos (unha solución branda para o parque infantil, unha solución integrada para a zona de descanso, e unha zona verde con céspede para o miradoiro), mobiliario urbano e xardinaría. No proxecto contémplase tamén unha zona de convivencia con prioridade peonil na zona norte, modificando o aglomerado por formigón. Para a plataforma de xogos infantís será necesario ampliar a calzada da vía do perímetro na parte oeste.
“Cada semana estamos máis preto de completar os 85 millóns de € cos que conta este plan, que como saben conta coa liña de investimento correspondente ao ano 2027 para que os concellos poidan garantir xa este ano os seus proxectos máis ambiciosos”, sinalou Luis López.
