A Deputación aproba destinar 320.000 € do Plan +Provincia para os concellos de Barro, A Guarda e Moraña

Barro contará con 75.000 € para o proxecto de ampliación do saneamento en Parada, A Guarda con 105.000 € para a urbanización da prolongación da rúa Baixo Muro e a conexión coa rúa Ireira, e Moraña con algo máis de 130.000 € para a eliminación da fosa séptica de Paraños, a execución da EBAR e a conexión á rede de saneamento

04/09/2026

A Deputación aproba destinar 320.000 € do Plan +Provincia para os concellos de Barro, A Guarda e Moraña

A Deputación de Pontevedra aprobou este venres na Xunta de Goberno tres achegas por valor de 320.000 euros para os concellos de Barro, A Guarda e Moraña no marco do Plan +Provincia 2026-2027. O presidente provincial, Luis López, anunciou que Barro contará con 75.000 € para o proxecto de ampliación do saneamento en Parada, na Portela, A Guarda con 105.000 € para a urbanización da prolongación da rúa Baixo Muro e a conexión coa rúa Ireira, e Moraña con algo máis de 130.000 € para a eliminación da fosa séptica de Paraños, a execución da EBAR e a conexión á rede de saneamento

Máis polo miúdo, os 75.000 euros que recibirá o Concello de Barro permitiranlle dotar de servizo de saneamento de augas residuais aos veciños do lugar, deseñando o trazado dos colectores necesarios para recoller os vertidos que orixinan as vivendas, que se fará en función da orografía da zona cara á EDAR de Portela. Ademais, no tramo de Bretoña, na parroquia de Curro, completarase o saneamento cun pequeno ramal.

Pola súa banda, A Guarda ten por obxectivo humanizar a rúa Baixo Muro co obxectivo de mellorar a calidade dos espazos para o peón e a posta en valor do casco histórico e do patrimonio cultural da vila. A lonxitude da actuación e de aproximadamente 30 metros, desde o fondo de saco da rúa Baixo Muro ata a rúa Ireira. Entre as actuacións destacan a eliminación de barreiras arquitectónicas que faciliten o tránsito a persoas con algunha discapacidade e a dotación dun novo acceso ao casco histórico da vila.

Por último, en Moraña procederase a eliminar o punto de vertedura da Fosa de Paraño mediante a conexión das augas residuais á EDAR de Moraña. Desta maneira, as actuacións inclúen a construción dun pozo de bombeo para impulsar as augas residuais recollidas neste punto ata a rede de saneamento existente; a instalación dunha condución de impulsión para conexión á EDAR e a eliminación da fosa existente.

“Seguimos desta maneira, como todas as semanas, avanzando no reparto dos 85 millóns de euros cos que conta este plan, que é unha peza vital para que a nosa provincia siga mellorando e se poidan prestar servizos públicos de calidade”, afirmou o presidente provincial.

audios