A Deputación aproba preto de 500.000 € do Plan +Provincia para os concellos de Portas e Ribadumia

Portas recibirá 82.000 € para a reforma e ampliación do albergue de peregrinos de Briallos

16/10/2026

A Deputación aproba preto de 500.000 € do Plan +Provincia para os concellos de Portas e Ribadumia

A Deputación de Pontevedra aprobou este venres na Xunta de Goberno tres achegas por valor de preto de 500.000 € aos concellos de Portas e Ribadumia no marco do Plan +Provincia 2026-2027. En concreto, Portas recibirá 82.000 € para a ampliación e reforma do albergue de peregrinos de Briallos, mentres que Ribadumia recibirá dúas achegas por un importe de 396.000 € destinadas a mellorar e ampliar os camiños e os servizos básicos en distintos puntos de cinco parroquias.

O proxecto de ampliación e reforma do albergue de Briallos, que recibe 82.000 € do Plan +Provincia, permitirá ampliar as prazas desta infraestrutura das 27 actuais a un total de 43, 16 máis. Actuarase en 121 m2 de obra nova destinada a unha nova sala de estar, co cal a sala de estar actual substituirase por outra de habitacións para así ampliar a súa capacidade. Na obra empregaranse materiais como a lousa maciza de formigón armado e pechamentos con bloque e illamento exterior tipo SATE, e a súa estrutura sobredimensionada permitirá prever a futura ampliación do albergue para executar un andar superior adicional.

En Ribadumia, a Deputación investirá preto de 400.000 € para financiar as obras de mellora e ampliación dos servizos básicos e os camiños nas parroquias de Lois, Ribadumia, Besomaño, Leiro e Barrantes. A finalidade das actuacións é dar maior seguridade a varios tramos de camiños municipais destas parroquias, mellorando a accesibilidade a diversas parcelas con vivendas e posibilitando o tránsito cara a parcelas agrícolas. Ampliaranse e melloraranse os servizos na Travesía Castaños, un camiño no lugar de Noval, as rúas Medoña, Trastada, Bouza e Casaldarnos e o núcleo de Freixo. Tamén se mellorarán a contorna da igrexa de San Fins de Lois e o camiño de acceso ao núcleo de Outeiro, e executarase un muro de contención e mellorarase a rede de recollida de pluviais na contorna do núcleo de Seara.

“Seguimos repartindo os 85 millóns de euros dos que está dotado o Plan +Provincia 2026-2027, co que os concellos poden facer realidade os seus investimentos prioritarios”, afirmou o presidente da Deputación, Luis López.