A Deputación colabora na xornada de convivencia de pickeball entre APIGA e o Centro Penitenciario da Lama
O deputado provincial Jorge cubela presentou no Pazo provincial esta iniciativa, que terá lugar no Pavillón de Carballedo e que emprega o deporte como ferramenta de integración e de convivencia
10/07/2026
A Deputación de Pontevedra colabora na xornada de convivencia que reunirá este sábado, 11 de xullo, no pavillón municipal de Carballedo, Cerdedo Cotobade, a integrantes da Asociación de Pickeball de Galicia (APIGA) con persoas internas do Centro Penitenciario da Lama. O deputado provincial e alcalde de Cerdedo Cotobade Jorge Cubela presentou este venres no Pazo provincial a iniciativa, na que tamén colabora o Concello, e destacou o valor do deporte como espazo de encontro, inclusión e participación.
A xornada permitirá compartir unha experiencia deportiva de convivencia entre os socios e socias de APIGA e as persoas internas do centro penitenciario, promovendo os valores de respecto, igualdade de oportunidades e integración social que caracterizan este deporte, unha modalidade aberta a persoas de todas as idades e condicións físicas.
A asociación pontevedresa APIGA, creada no 2022 para impulsar e dar a coñecer este deporte en Galicia, desenvolve ao longo do ano numerosas actividades de promoción e intercambio, tanto dentro como fóra da comunidade. Entre elas, destacan os intercambios realizados en Miami en 2024, con Portugal en 2025 e o previsto para este ano co Club La Orotava de Tenerife, ademais da colaboración que mantén coa Universidade de Villa Clara (Cuba) para favorecer a implantación desta disciplina deportiva no ámbito universitario.
