#XUVENTUDE
PLAN +XUVENTUDE
Axudas destinadas á posta en marcha de iniciciativas de interese social, promovidas pola xuventude da provincia de pontevedra durante o ano 2026
A Deputación de Pontevedra, a través do Servizo de Xuventude e Reto Demográfico, promove a terceira edición desta convocatoria de axudas co obxectivo de proporcionarlles ás asociacións e aos colectivos xuvenís apoio na posta en marcha de proxectos nos que a xuventude participe de forma activa e directa en actividades concibidas por ela mesma e das cales sexa protagonista.
A convocatoria está dirixida a apoiar iniciativas promovidas por persoas de entre os 18 e os 35 anos de idade e asociacións xuvenís que desenvolvan proxectos que favorezan e promovan o desenvolvemento persoal e comunitario, contribúan ao apoderamento xuvenil, á formación en valores e á consecución de hábitos saudables, e enriquezan a vida social, económica, científica e cultural da provincia. Estas iniciativas e proxectos deben realizarse e idearse durante o ano 2026.
A concesión das axudas tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, de acordo cos criterios de concesión indicados na base décimo terceira.
A convocatoria publicarase o 9 de febreiro, e o prazo de presentación de solicitudes comezará o 16 de febreiro e rematará o 13 de marzo de 2026.
Poderán ser destinatarios destas subvencións:
- As asociacións xuvenís prestadoras de servizos dirixidos á mocidade, sen ánimo de lucro, non sometidas a ningún réxime asociativo específico e con sede social ou cunha delegación na provincia de Pontevedra.
- Os grupos formados por un mínimo de tres e un máximo de oito persoas con idades comprendidas entre os 18 e os 35 anos no momento de presentar a súa solicitude para esta convocatoria, aínda que carezan de personalidade xurídica ao non estar constituídas como asociación, e que propoñan un proxecto de interese xeral e social (son os grupos informais).
As iniciativas presentadas englobaranse nalgunha das seguintes áreas de actuación:
- Saúde, benestar e prevención de riscos.
- Cultura, ciencia e innovación.
- Participación xuvenil, asociacionismo e voluntariado.
- Desenvolvemento rural e reto demográfico.
- Protección do medio e loita contra o cambio climático.
A dotación destinada a esta convocatoria é de cento vinte mil euros (120.000,00 €).
O importe máximo subvencionado por proxecto será de cinco mil euros (5.000,00 €).