#XUVENTUDE
Premios Provinciais á Xuventude
Promover o talento e o potencial da mocidade da provincia
A Deputación de Pontevedra lanza a X edición dos Premios Provinciais á Xuventude para promover o talento e o potencial da mocidade da nosa provincia. A institución repartirá 36.000 euros entre os mellores proxectos nun total de once categorías
A Deputación de Pontevedra pon en marcha a X edición dos Premios Provinciais á Xuventude a través do Servizo de Xuventude e Reto Demográfico. O obxectivo destes galardóns é promover o talento da mocidade da provincia e recoñecer a calidade dos traballos realizados nun total de once categorías: iniciativas xuvenís, iniciativa empresarial, educación en valores, investigación, contido audiovisual, traballo musical, traballo literario breve, banda deseñada, fotografía orixinal, deseño e moda e iniciativas xuvenís dos concellos.
Estes premios están dirixidos, principalmente, a persoas de entre 15 e 35 anos.
Nalgunhas categorías tamén están dirixidos a asociacións xuvenís e estudantís (categoría 1, iniciativas xuvenís), a persoas xurídicas con sede na provincia (categoría 2, iniciativa empresarial), a centros educativos con alumnado de entre 12 e 35 anos (categoría 3, educación en valores) e a concellos da provincia que desenvolvan iniciativas dirixidas á mocidade (categoría 11, iniciativas xuvenís dos concellos).
O prazo de presentación de solicitudes será de dous (2) meses e comezará a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra e na Base de Datos Nacional de Subvencións.
Unha vez validada a solicitude, o prazo para presentar os proxectos rematará o 21 de agosto de 2026.