Xornada
Conta con nós
“O benestar emocional na infancia e adolescencia: entendendo para acompañar”
Desde a Cruz Vermella, e coa colaboración da Deputación de Pontevedra, este 2026 desenvolveremos o proxecto "Conta con nós", que ten como finalidade promover a sensibilización e a prevención para fortalecer e manter un benestar emocional saudable entre a poboación da provincia de Pontevedra.
A terceira edición da xornada Conta con Nós, que ten como lema “O benestar emocional na infancia e adolescencia: entendendo para acompañar”, está dirixida á comunidade educativa e social —é dicir, ao profesorado, ás familias, ao alumnado ou ás e aos profesionais do eido social e de entidades sociais— e ten por obxectivo poñer no centro o benestar emocional das e dos máis pequenos no contexto actual, que vai mudando a gran velocidade.
Esta acción, encadrada dentro do proxecto "Conta con nós", pretende ser un punto de encontro participativo, próximo e útil, onde as e os asistentes poderán compartir as súas propias experiencias e os recursos prácticos arredor das emocións e da educación. Ao mesmo tempo, busca dar a coñecer o proxecto e seguir establecendo contactos con todas aquelas persoas e entidades que traballan por unha infancia emocionalmente saudable.
As persoas interesadas en participar xa poden formalizar a súa inscrición a través da seguinte ligazón:
https://forms.cloud.microsoft/e/ieAvtCVM6u?origin=lprLink
Programa:
Xoves 5 de novembro, no Pazo provincial, Pontevedra
- 9:00 h. Recepción de asistentes.
- 9:15 h. Benvida a cargo da deputada de Benestar Social e Igualdade, Paula Bouzós Barros. Presentación da xornada e dos relatorios.
- 9:30 h. “Neurociencia das emocións”. Sonia Doallo Pesado, doutora en Psicoloxía pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) e profesora titular nesta universidade.
- 10:30 h. “Claves para acompañar: o benestar emocional na infancia e adolescencia”. Ruth Castillo Gualda, doutora en Psicoloxía, especialista en desenvolvemento socioemocional e psicoloxía infantil e adolescente, e profesora titular e investigadora en ciencias do comportamento e psicoloxía na Universidade Camilo José Cela.
- 11:30 h. Pausa para o café.
- 12:00 h. “Impacto das redes sociais na infancia e adolescencia. Non hai benestar sen benestar dixital”. Antonio Rial Boubeta, doutor en Psicoloxía e profesor da USC, e un dos principais especialistas en España en mocidade, adiccións e convivencia.
- 13:00 h. Clausura.