XUVENTUDE
Xuventude a máis
Espazos de aprendizaxe práctica, creativa e transformadora
A mocidade enfróntase a unha realidade social e laboral en constante cambio, marcada pola transformación dixital, as novas dinámicas relacionais e a crecente preocupación polo benestar persoal e o futuro do planeta. Ademais, a xuventude da provincia expresou por diversas vías que o lecer xuvenil está moitas veces limitado a opcións de consumo e ocio nocturno, polo que a falta de espazos de reunión e de actividades alternativas é unha realidade.
Baseado no I Plan estratéxico de xuventude da Deputación de Pontevedra, o programa "Xuventude a máis" nace coa intención de poñer á disposición da mocidade espazos de aprendizaxe práctica, creativa e transformadora, fomentando así a curiosidade, a colaboración e a responsabilidade social. Así mesmo, pretende reforzar o sentimento de pertenza á provincia, ao poñer en valor os recursos locais, a cultura galega e os valores da sostibilidade e a igualdade.
Que ofrece o programa?
O programa ofrécelles aos concellos de menos de 20.000 habitantes ata 102 obradoiros agrupados en tres áreas temáticas:
- Área temática 1. Habilidades para o benestar e o coidado persoal
- Economía do fogar
- Seguridade básica para a mocidade: primeiros auxilios básicos e defensa persoal
- Cociña, nutrición e mitos alimentarios
- Saúde mental (autocoidados)
- Área temática 2. Expresión artística e cultura
- Curso de DJ
- Iniciación á música tradicional galega
- Edición de vídeo e fotografía
- Deseño e creación de produtos gráficos e mercadotecnia
- Área temática 3. Conexión e coidado da contorna
- Sendeirismo, orientación e interpretación do patrimonio natural
- Horta urbana e xestión biolóxica do solo (permacultura e fertilizantes)
- Reciclaxe de mobles e obxectos
- Adestramento canino
Pódese consultar información sobre todos eles no anexo II: catálogo de obradoiros.
Asignación de obradoiros
Garantirase un mínimo de dous obradoiros por concello, que poderá optar a un máximo de catro:
- No caso de que, unha vez realizada a adxudicación inicial, non se cubrise o total de 102 obradoiros, os cursos restantes asignaránselles aos concellos que solicitasen obradoiros adicionais.
- A asignación dos obradoiros adicionais realizarase por orde de presentación das solicitudes.
Condicións de execución e participación
- Características dos obradoiros
- Duración: 20 horas por obradoiro.
- Modalidade: presencial, impartidos por unha empresa especializada.
- Prazo de execución: entre os meses de setembro de 2026 e marzo de 2027.
- Criterios de participación do alumnado
- Persoas destinatarias: mozas e mozos de entre 16 e 35 anos.
- Custo: 5,00 € por persoa e obradoiro.
- Límite de prazas: mínimo de 7 persoas e máximo de 15 por obradoiro.
- Selección do alumnado
Os concellos beneficiarios encargaranse de seleccionar as persoas participantes, para o que deberán ter en conta os seguintes criterios:- En primeiro lugar, terán prioridade as solicitudes das mozas e mozos empadroados no propio concello, segundo a orde de inscrición.
- En segundo lugar, teranse en conta as solicitudes presentadas polas mozas e mozos empadroados noutros concellos de menos de 20.000 habitantes, atendendo tamén á orde de inscrición.
Presentación de solicitudes
O prazo para a presentación de solicitudes será do 19 de xaneiro ao 6 de febreiro de 2026. Os concellos deberán presentar as solicitudes a través da Sede electrónica da Deputación de Pontevedra.