A Deputación aproba 200.000 euros para Bueu para a humanización da rúa Nova de Arriba, en Beluso
Luis López explicou que estes recursos da liña 1 do Plan +Provincia permitirán afrontar a achega municipal do investimento do Plan Extra 2025, cun orzamento total de 800.000 euros
22/05/2026
A Deputación de Pontevedra aprobou este venres na Xunta de Goberno destinar 200.000 euros da liña 1 de investimentos do Plan +Provincia 2026-2027 para Bueu. O presidente provincial explicou que, con estes recursos, o Concello poderá afrontar a achega municipal do investimento do Plan Extra 2025 para a humanización da contorna da rúa Nova de Arriba, en Beluso, de maneira que institución provincial financia ao 100% esta actuación, que ten un orzamento de case 800.000 euros.
A actuación prevista desenvolverase no centro urbano de Beluso, nunha zona situada na contorna da estrada autonómica PO-315, que conecta Bueu con Cangas, e da vía provincial EP-1301, coñecida como Rúa Nova de Arriba. O proxecto ten como obxectivo a humanización de tres tramos viarios municipais e da Praza da Rúa Nova, antigo campo da festa, nun espazo de máis de 4.000 metros cadrados que pasará a ter prioridade peonil. Para iso, substituirase o actual pavimento de aglomerado por unha plataforma única ao mesmo nivel, combinando formigón e lastro de granito para favorecer unha mobilidade máis accesible e cómoda para a veciñanza, especialmente para persoas con mobilidade reducida, cadeiras de rodas ou carriños de bebé.
A intervención inclúe tamén a renovación integral da Praza da Rúa Nova, coa creación dun novo espazo peonil, novas zonas axardinadas e a conservación do arborado existente para reforzar as zonas de sombra. Ademais, mellorarase a contorna do cruceiro co obxectivo de poñer en valor este elemento patrimonial. O proxecto contempla tamén actuacións sobre as redes de servizos, coa mellora da drenaxe mediante novas canlóns e reposición de sumidoiros, a instalación dunha nova iluminación pública LED máis eficiente e adaptada ao carácter peonil do ámbito e o soterramento das liñas aéreas de baixa tensión para eliminar o impacto visual dos postes existentes e liberar espazo público
Luis López lembrou que o Plan +Provincia 2026-2027 está dotado de 85 millóns de euros. “Seguimos sumando recursos destes 85 millóns, o que fan deste o plan de obras e servizos de competencia municipal máis ambicioso da nosa historia”, asegurou o presidente da Deputación.