A Deputación aproba 350.000 euros para Vila de Cruces para a humanización da rúa do Cine e para a prestación de diferentes servizos

O presidente provincial explicou que son 170.000 € da liña 1 do Plan +Provincia, que completan o Plan Extra 2025, e 180.000 €  da liña 2

22/05/2026

A Deputación de Pontevedra aprobou este venres na Xunta de Goberno destinar 350.000 euros da liña 1, de investimentos, e a 2, de gasto corrente, do Plan +Provincia 2026-2027 para Vila de Cruces. O presidente Luis López explicou que se trata de 170.000 euros para afrontar a achega municipal do investimento do Plan Extra 2025 para a humanización do núcleo urbano, concretamente da rúa Cine, polo que a institución provincial financia ao 100% esta actuación, que ten un orzamento de preto de 850.000 euros. Ademais, o Concello recibe 180.000 euros da liña 2 para a prestación de diferentes servizos.

Desta maneira, cos recursos da liña 1 e do Plan Extra, Vila de Cruces transformará e humanizará a Rúa do Cine, nun tramo de máis de 445 metros comprendido entre a Rúa Soto e a PO-204, coa finalidade de crear un espazo urbano máis amable, accesible e pensado para as persoas. O proxecto contempla a renovación integral dos pavimentos, a introdución de novas zonas verdes e mobiliario urbano e unha redistribución do espazo público para ampliar as áreas peonís e reducir a presenza do tráfico rodado, favorecendo así a convivencia, a mobilidade alternativa e a eliminación de barreiras arquitectónicas. A actuación incluirá unha plataforma única, carril de circulación de sentido único, zonas de aparcamento en liña, novas luminarias, papeleiras, xardineiras con bancos e a renovación dos servizos urbanos necesarios.

Ademais, os 180.000 euros da liña 2 divídense en 138.000 euros para os gastos de recollida de lixo e tratamento de residuos, rede de abastecemento de auga potable e de sumidoiros; 31.000 euros para as achegas a entes supramunicipais; 7.000 euros para os servizos municipais de asistencia xurídica, informática e asesoría laboral, e 5.000 euros para os gastos de funcionamento da escola de música e das escolas deportivas.

Luis López lembrou que o Plan +Provincia 2026-2027 está dotado de 85 millóns de euros. “Seguimos sumando recursos destes 85 millóns, o que fan deste o plan de obras e servizos de competencia municipal máis ambicioso da nosa historia”, asegurou o presidente da Deputación.

 

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 5 resultados.