A Deputación impulsa a modernización das piscinas da provincia con máis de 6,7 millóns de euros de investimento

Os programas PON2030, Plans Extra, +Provincia e o Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas permiten construír, ampliar e modernizar instalacións acuáticas nunha vintena de concellos

31/07/2026

A Deputación impulsa a modernización das piscinas da provincia con máis de 6,7 millóns de euros de investimento

A Deputación de Pontevedra leva mobilizados nos últimos tres anos máis de 6,7 millóns de euros para impulsar a construción, ampliación, rehabilitación e modernización de piscinas municipais en preto dunha vintena de concellos da provincia. A través de programas como PON2030, o Plan Extra, o +Provincia e o Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas (PEID), a institución provincial está a contribuír a crear instalacións máis modernas, sostibles, accesibles e adaptadas ás necesidades da cidadanía.

O presidente da Deputación, Luis López, puxo en valor este investimento coincidindo co momento de maior uso destas instalacións durante o verán. “As piscinas municipais son moito máis ca un espazo para refrescarse. Son lugares de encontro, de práctica deportiva, de lecer saudable e de convivencia. Por iso estamos a facer un esforzo moi importante para que os concellos conten con instalacións modernas e de calidade”, sinalou.

Un dos principais instrumentos para acometer estas actuacións é o programa PON2030, que financia actuacións de grande envergadura. Entre elas destaca a ampliación das instalacións e das piscinas municipais de Fontecarmoa, en Vilagarcía de Arousa, cun investimento global de máis de 3,18 millóns de euros, dos que a Deputación achega un millón. Ademais, a través do Plan Extra a Administración provincial achega 1,1M€ adicionais a este proxecto. Tamén se inclúe a rehabilitación das instalacións municipais dedicadas ás piscinas de Fornelos de Montes, cun orzamento superior aos 351.000 euros e unha achega provincial próxima aos 299.000 euros, así como a remodelación da piscina municipal de Agolada e da súa edificación de apoio, cun investimento de case 543.000 euros, dos que máis de 434.000 son financiados pola institución provincial.

A estas actuacións súmanse as dúas edicións do Plan Extra, que reservan máis de 2,17 millóns de euros para proxectos relacionados con piscinas municipais. No primeiro inclúense actuacións como a construción das novas piscinas municipais descubertas e dun edificio polivalente en Cuntis, cun investimento de máis de 652.000 euros e unha subvención provincial de 500.000 euros; a reurbanización e mellora da contorna do centro sociocultural, do parque público e das piscinas municipais de Dozón, tamén cunha achega de medio millón de euros; ou a reforma e rehabilitación enerxética da piscina municipal da Guarda, unha actuación que supera os 2,26 millóns de euros e conta cun apoio provincial de 700.000 euros.

Pola súa banda, o II Plan Extra permitirá acometer en Ponteareas a mellora da eficiencia enerxética da envolvente e a ampliación da piscina e da sala de fitness do complexo deportivo Álvaro Pino. O proxecto conta cun investimento total superior aos 1,57 millóns de euros e unha subvención da Deputación de máis de 471.000 euros.

O apoio da Deputación tamén chega a través do Plan +Provincia, que entre as convocatorias de 2024, 2025 e 2026 mobiliza máis de 1,1 millóns de euros para actuacións vinculadas ás piscinas municipais. Así, en 2024 concedéronse 551.000 euros para cinco proxectos nos concellos da Caniza, Crecente, A Estrada, Fornelos de Montes e Salceda de Caselas. En 2025 destináronse 314.000 euros a seis actuacións en Crecente, Cuntis, Agolada —con dous proxectos—, Pazos de Borbén e Portas. E na convocatoria de 2026, aínda en tramitación, xa se reservaron preto de 244.000 euros para actuacións en Cerdedo Cotobade e Ponteareas.

A mellora destas instalacións complétase co Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas (PEID), unha liña destinada a financiar actuacións de menor dimensión pero de grande importancia para o mantemento e acondicionamento dos equipamentos municipais. Desde a posta en marcha deste programa, a Deputación leva destinados máis de 736.000 euros a actuacións vinculadas ás piscinas municipais. A primeira edición do PEID permitiu apoiar sete proxectos en Crecente, Dozón, A Estrada, Marín, Meaño, Mondariz e Salceda de Caselas, cun investimento conxunto superior aos 354.000 euros. Na segunda edición financiáronse nove actuacións en O Campo Lameiro, Cangas de Morrazo, A Caniza, Covelo, Crecente, Marín —con tres proxectos— e Vila de Cruces, por un importe próximo aos 107.000 euros. Finalmente, a terceira convocatoria destinou máis de 275.000 euros a catro actuacións en Bueu, Dozón, Crecente e Silleda.

Para Luis López, “esta é unha mostra de que a Deputación aposta por todos os concellos, con grandes proxectos transformadores pero tamén con actuacións máis pequenas que resultan imprescindibles para manter en boas condicións os servizos municipais”. Neste sentido, o presidente destacou que “cada euro investido nestas instalacións tradúcese en máis oportunidades para practicar deporte, en espazos de lecer de maior calidade e nunha mellora directa da calidade de vida da veciñanza. Ese é o valor de investir nas persoas”.

audios