A Deputación aproba o convenio co Concello de Sanxenxo para financiar o proxecto de mellora da seguridade viaria na EP-9206 Portonovo-Vichona e a Rúa do Río
Luis López sinalou que o proxecto ten un orzamento de preto dun millón de euros dos que a Deputación asume o 70%, cunha achega próxima aos 650.000 euros
26/12/2025
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, informou este venres da aprobación do convenio entre a institución provincial e o Concello de Sanxenxo para executar o proxecto de mellora da seguridade viaria na EP-9206 Portonovo-Vichona e a Rúa do Río. A Xunta de Goberno provincial deu luz verde ao acordo, cun orzamento total de 923.000 euros, dos que a Deputación asumirá o 70% (646.000 euros) e o Concello de Sanxenxo o 30% restante (277.000 euros).
As obras afectan un treito de 190 metros do trazado actual e mais o treito antigo denominado Rúa do Río, co obxectivo de reestruturar o espazo público de cara a mellorar a mobilidade peonil e a seguridade viaria. Solucionaranse os problemas de inseguridade que provoca o tránsito peonil sen espazos reservados a este fin tendo en conta, ademais, que existen importantes focos de atracción como o Colexio Plurilingüe Abrente ou núcleos de poboación como O Outeiro e A Igrexa. Executaranse beirarrúas dun mínimo de 2,5 metros de ancho na marxe esquerda e tamén se realizará unha zona de estacionamento en liña. Ademais, soterraranse todas as redes de servizos e colocaranse novas luminarias LED de alto rendemento.
No treito antigo, Rúa do Río, contémplase unha zona de convivencia desde a PO-308 ata a intersección coa Rúa Barbeito, buscando acougar a velocidade do tráfico rodado nunha zona moi estreita e con vivendas en ambas as dúas marxes, conseguindo unha convivencia amable e segura. No resto da rúa executarase un só carril con sendas peonís dun mínimo de 2,5 metros cunha pequena zona de estacionamento en liña. Tamén se soterrarán todas as redes de servizos e se colocarán luminarias LED de alto rendemento.
3,1 millóns de euros para as estradas provinciais na Xunta de Goberno
As obras na EP-9206 forman parte dun paquete de medidas aprobadas este venres na Xunta de Goberno por un valor total de 3,1 millóns de euros, no que tamén se aprobaron os convenios de colaboración cos concellos de Cerdedo-Cotobade e Valga para impulsar proxectos transformadores na EP-0407 Borela-Ponte Caldelas e na EP-8501 Valga-Os Martores e a EP-8502 Valga-Baño, respectivamente.
