A Deputación de Pontevedra adxudica por 155.000 euros o novo museo ao aire libre do Corpus Christi de Ponteareas
A institución provincial porá en valor esta Festa de Interese Turístico Internacional para seguir promovendo un crecemento equilibrado e sostible do turismo en Pontevedra
26/12/2025
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou este venres a adxudicación do produto de realidade virtual e museo ao aire libre que se desenvolverá arredor da festa do Corpus Christi de Ponteareas. A Deputación impulsará esta iniciativa cun orzamento de 155.000 euros para promover o crecemento equilibrado e sostible do turismo da provincia, impulsando a modernización e a dixitalización dun sector moi importante para a economía pontevedresa.
Luis López lembrou que o proxecto “está enmarcado no Plan de Sostibilidade Turística do Condado-Paradanta. Unha terra entre ríos, dotado de 1,5 millóns de euros” e financiado con fondos Next Generation da Unión Europea. A iniciativa consistirá na implantación e mantemento dunha plataforma museográfica virtual para poñer en valor a festa do Corpus Christi de Ponteareas como recurso turístico, e completarase coa creación e instalación de elementos para a divulgación e interpretación da festa, declarada de Interese Turístico Internacional, buscando a desestacionalización e sostibilidade do destino.
O proxecto permitirá reforzar a interpretación do Corpus Christi, apoiar e poñer en valor o oficio das persoas alfombristas. Farase un traballo de documentación e inventario fotográfico das alfombras e o proceso de creación, e crearase un portal web que permitirá amosar a historia e a orixe da festa nun percorrido polas rúas de Ponteareas que amosará as alfombras e os traballos previos para a súa confección. Tamén se dixitalizarán, xerarán e incorporarán contidos audiovisuais e se instalarán tótems interactivos físicos nos lugares onde se sitúan as alfombras para que os visitantes poidan obter información en calquera momento do ano.
O Plan de Sostibilidade Turística en Destino Condado-Paradanta. Unha terra entre ríos ten como finalidade promover o crecemento equilibrado e impulsar a renovación do sector turístico da comarca, así como orientalo na dinámica do turismo sostible para mellorar a calidade de vida na contorna. A idea é situar as persoas no centro da estratexia, potenciando a xeración de oportunidades, coa participación cidadá e dos visitantes no desenvolvemento dun novo modelo turístico.
