A Deputación pecha o circuíto audiovisual que achegou a máis de 1.000 mozas e mozos de dez concellos da provincia a figura de Domingo Fontán
O audiovisual visitou os concellos de Barro, Cambados, Soutomaior, Valga, Salvaterra, Cerdedo-Cotobade, Sanxenxo, Ribadumia, Covelo e Nigrán
13/11/2024
A Deputación de Pontevedra acaba de pechar o circuíto audiovisual que achegou a máis de 1.000 mozas e mozos da provincia a figura de Domingo Fontán. “Fontán, o primeiro rostro de Galicia” visitou ata esta semana os concellos de Barro, Cambados, Soutomaior, Valga, Salvaterra, Cerdedo-Cotobade, Sanxenxo, Ribadumia, Covelo e Nigrán.
A mocidade do IES de Barro foi a primeira que gozou deste circuíto audiovisual que arrancou o 4 de novembro nesta localidade. Tralo seu paso por Barro, a peza visitou o Auditorio Municipal de Cambados, o IES de Soutomaior, o IES de Valga, o IES de Salvaterra, o IES de Cotobade, o IES de Portonovo en Sanxenxo, o CEIP de Ribadumia e pechouse este luns no CEIP de Covelo e no CEIP Arquitecto Palacios de Nigrán.
A actividade que se desenvolveu nestes dez concellos da provincia coa participación de máis de 1.00 mozas e mozos consistiu na proxección de “Fontán, o primeiro rostro de Galicia”, de 30 minutos de duración, un audiovisual que fai un percorrido pola historia e a xeografía galegas, incluíndo entrevistas de especialistas e nocións sinxelas de matemáticas e xeografía o que converte a peza nunha ferramenta didáctica atractiva e multidisciplinar. Amais da proxección celebráronse coloquios, de aproximadamente 60 minutos, nos que se achegou á mocidade o proceso que levou a Domingo Fontán a poñer en marcha a Carta Xeométrica de Galicia (1845), o primeiro mapa topográfico e científico da nosa comunidade, considerado o traballo cartográfico rexional máis importante do século XIX.
