A Deputación premiará por primeira vez Traballos de Fin de Grao ou Fin de Máster sobre experiencias turísticas nas praias para reducir a estacionalidade

O I Premio a Experiencias Turísticas Praias sen Límites está dotado de 1.000 euros e o prazo para presentar candidaturas está aberto ata o 31 de xullo

24/07/2025

A Deputación de Pontevedra coa finalidade de impulsar boas prácticas para reducir a estacionalidade nas praias das Rías Baixas, convoca o I Premio a Experiencias Turísticas Praias sen Límites sobre a xeración de novas experiencias turísticas nas praias. O obxectivo do galardón, dotado de 1.000 euros, é incentivar, recoñecer e visibilizar as investigacións do alumnado de Turismo neste eido. O prazo para presentar candidaturas permanecerá aberto ata 31 de xullo.

Os traballos presentados deben propoñer produtos ou servizos novidosos, creativos, tecnolóxicos ou de calquera ámbito de coñecemento que sexan posibles de incorporar ao mercado e que xeren novas experiencias turísticas nas praias das Rías Baixas e reduzan a estacionalidade. O traballo gañador, ademais de recibir o premio económico, será publicado na web www.playasinlimites.es e distribuído para que sirva de inspiración e posta en común de iniciativas que poidan contribuír ao conxunto de destinos litorais de España.

Poderán concorrer nesta convocatoria o alumnado da Universidade de Vigo e da Coruña que houbera defendido e aprobado o seu Traballo Fin de Grao ou Fin de Máster Oficial en calquera das convocatorias ordinarias ou extraordinarias do curso académico 2023/2024 e 2024/2025. As bases do galardón, que recollen máis polo miúdo os requisitos da convocatoria publicáronse no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO).

Praias sen límite trátase dun proxecto que ten un orzamento de 150.000 euros e conta cunha achega de máis de 120.000 € do Ministerio de Industria e Turismo a través do programa Experiencias Turismo España, que ten como obxectivos aumentar e mellorar as experiencias turísticas no segmento de sol e praia, poñer en valor o patrimonio material e inmaterial dos territorios e as súas poboacións e impulsar a súa promoción internacional e a desestacionalización do turismo. En concreto, a Deputación no marco e Praias sen límite está a coordinar a análise e execución de espazos para apostar por un turismo familiar para desfrutar das praias coas mascotas e o desenvolvemento de rutas de sendeirismo costeiras que exploren a beleza natural da costa, promovendo o turismo activo e fomentando contornas singulares.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 4 resultados.